Ollos que non ven... Lixo que non existe

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

NOIA

11 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O sentido do público é unha cousa ben curiosa, e unha das súas particularidades é que case ninguén o ten... Calquera tería visto, e mesmo desenvolvidos, comportamentos nun espazo público que un nunca levaría á práctica na súa propia casa. Onte mesmo, un home que ía andando por unha rúa de Noia atopou como solución para desfacerse dun papel que era un estorbo tiralo ao chan, sen máis, coma se fose demasiado pesado para levalo consigo ata que atopara unha papeleira na que depositalo ou ata poder tiralo no caldeiro do lixo da súa casa. Cousas deste tipo pasan con moitísima frecuencia, e non é difícil atopar bolsas cheas de desperdicios zapateadas en calquera cuneta ou entullos no medio dunha pista forestal, mentres que a ninguén no seu san xuízo se lle ocorrería ter unha morea de lixo na porta da súa vivenda.

Por iso non é de estrañar que aos veciños de Mirón e Servia non lles faga nin un chisco de graza que se fale dun proxecto para instalar un vertedoiro de lixo ao lado das súas aldeas. Lóxico, pensará calquera, é fácil poñerse no seu lugar, a ninguén lle agradaría ter que convivir cunha instalación dese tipo por moito que quen a promove xure e perxure que non haberá cheiros nin contaminación nin molestias para os veciños máis que o ruído propio do paso dos camións cara a planta de residuos. Será certo, pero este tipo de proxectos teñen moi mala prensa e custa fiarse, sobre todo porque non hai tantos anos que había vertedoiros ao aire libre en todos os concellos e esa é unha referencia moi negativa.

Tamén haberá quen opine que a algún sitio ten que ir parar o lixo que producimos e se non hai máis remedio que enterralo haberá que apandar, sempre e cando, iso si, non llo fagan na porta da casa. Mentres a min e ás miñas propiedades non nos afecte, o impacto que puidera ter no entorno ou no medio ambiente é unha peaxe que hai que pagar polo progreso. É a lóxica que se aplica cando fraquea o sentido do público.

Os promotores do proxecto que está previsto en Lousame sosteñen que o obxecto da instalación é a valorización e reciclaxe dos residuos aproveitables. Semella que ese é o mellor modelo para a xestión do lixo, o da reutilización, e de feito é o que defenden os que se opoñen ao vertedoiro. Sen embargo, non parece tan fácil de aplicar, nin posiblemente tan barato, en vista de que non é o maioritario. E aí tamén temos todos parte de culpa, porque así como é moi sinxelo tirar un papel á papeleira e non o facemos, tamén o é separar os residuos pola súa composición e producir menos lixo. Pero claro, como o tiramos fóra do noso e non o vemos, o que fagan con el non é o noso problema.