«Seremos un grupo de goberno de seis persoas, non catro máis dous»

NOIA

MARCOS CREO

O socialista defende que traballará duro para que o descrédito da política remate e para que a cidadanía volva mirar á cara aos seus rexedores

05 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Trala marcha de Rafael García Guerrero, Miguel Paz veuse na obriga de dar o paso cara a primeira liña política. O pacto co NOIA permitiu aos socialistas manter a alcaldía noiesa, a pesar de que o PP foi a forza máis votada no municipio. O novo alcalde está rodeado dunha atmosfera de calma. O ímpeto de media vida loitando nas plataformas petrolíferas de medio mundo fai que a vida en terra sexa para el como un paraíso. Rexeita os liderados: os éxitos e fracasos serán compartidos por todos.

-¿Cal foi o motivo que o levou a presentarse á alcaldía?

-O principal motivo foi o de axudar aos meus veciños. O segundo, intentar que a palabra política volva a ilusionar á xente. A forma de gobernar ten que cambiar a tódolos niveis.

-¿Obrígaos a nova política a dar o paso definitivo?

-Eu penso que si, e ademais é positivo. Dentro dos grandes partidos hai xente que defende que non deberíamos necesitar quen nos impoña a honradez e a transparencia, porque xa de por si o queremos facer. Sen embargo, hai outra parte á que se lle ten que obrigar a cambiar os malos hábitos dos últimos anos.

-¿Seguía crendo no PSOE?

-Eu son socialista, son unha persoa de esquerdas. Sabemos que hai xente de todo tipo en tódolos partidos, pero eu teño sensibilidade socialista.

-¿Que é ser socialista no momento político actual?

-Simplemente é ser solitario en tódolos aspectos posibles. Non vamos a aplicar a utopía, vamos ser realistas.

-¿Considera unha utopía as propostas de Podemos?

-En certos casos si. Alégrome moitísimo de que xurdiran, penso que van depurar bastante as formas de facer política dos grandes partidos. É necesarios e son partidario diso.

-Volvendo ao comezo, ¿como foi a súa primeira campaña?

-Ten a parte positiva, lévache a coñecer lugares e cidadáns do concello que un descoñecía. A parte negativa é que a veces te atopas con xente que che maltrata sen razón. Non entendo os insultos. Eu chego á política con toda a boa vontade, honradez e ganas de cumprir. O insulto é unha parte que doe, pero que temos que aprender. As bases temos que ser moi conscientes para esixirlle despois á cúpula, deben saber que sufrimos moitísimo os errores que eles cometen.

-¿O Concello é a casa do pobo?

-Estamos en contacto directo co pobo. O porta a porta non o viven os grandes líderes, eles van directamente a un recinto cheo de xente afín ao partido e alí todo son aplausos. Aquí, en cambio, no porta a porta, atópaste con xente de todo tipo, incluso con aqueles que nin votan, pero que botan pola boca o seu malestar. Canto máis arriba estea un político máis debería forzarse a respectar ás bases, porque saben que a mala política que eles aplican a imos sufrila nós.

-¿Esperaba os resultados electorais acadados?

-Sinceramente esperaba algo mellor, quero asumir a miña responsabilidade. Creo saber porque caemos, pero non vou facer máis comentarios.

-¿Como foi a xestión do pacto?

-Eu son un novato neste tema, aínda que seguramente sexa o decano dos aspirantes novatos. Dende a miña perspectiva penso que foi complicado, sen embargo outros membros do partido aseguran que é o normal.

-¿Tiveron que ceder de máis?

-Nos cedemos, pero a honradez e a transparencia que nos esixiron xa nola impoñemos a nós mesmos.

-¿Como atoparon o Concello?

-Atopamos un Concello con problemas, pero non vamos a botarlle a culpa á herdanza que nos deixaron, porque imaxino que os que nos precederon no cargo tiveron peor herdanza ca nós. O de atoparte con máis dunha sorpresa forma parte do xogo da política. Temos que asumilo, non vamos a escudarnos, asumimos todo o que nos atopamos, para iso estamos aquí, isto vai a continuar progresando. Non nos imos deter.

-¿Como foi o traspaso de poderes co anterior alcalde?

-Sen comentarios. O que si quixera resaltar é que agora seremos un grupo de goberno de seis persoas, non de catro máis dous. A día de hoxe somos un bloque sólido, os éxitos e fracasos vámolos vivir xuntos.

-¿Como foron os primeiros días?

-A nivel profesional estou acostumado a traballos duros, e este non o é. Recoñezo que o labor lévame máis tempo do esperado, fáltame poñerme ao día, espero que nun futuro breve cambie. Atópase con problemas que non teñen que ver co Concello, que son máis humanos, pero que un ten que botar a man. Evitar que os veciños se compliquen a vida con avogados e ca xustiza. Debémonos aos veciños, acercarnos a eles. Nos casos nos que fun a mediar solucionáronse os problemas. Penso que é unha lección que estou aprendendo, hai que facer fincapé día a día.

-¿Volve a política ás rúas?

-Comigo si, quero visitar aos veciños, quero que participen e que me conten os seus problemas. Imos pedir participación na sociedade.

-¿Incluso para as decisións importantes?

-Con calquera cousa que afecte ao pobo, nin o goberno nin o concello deberían tomar esas medidas. Creo que o pobo sempre ten a razón..

Miguel paz Alcalde de Noia

«A honradez e a transparencia que nos esixiron xa nola impoñemos nós mesmos»

«Quero visitar aos veciños, quero que participen e que me conten os seus problemas»

«O noso obxectivo número un é a rexeneración de tódolos bancos marisqueiros»

Miguel Paz necesita que os veciños de Noia se impliquen na defensa da ría, ademais pídelles que dean un paso adiante para levar a política local xuntos.

-¿Cal é o gran reto de Noia?

-O noso obxectivo número un para Noia é a rexeneración de tódolos bancos marisqueiros. Esa é a nosa vida, non é unha cuestión do Concello, nin da confraría, ten que ser o pobo o que o defenda. O segundo gran reto é o mantemento do pobo. Non quero falar de grandes obras, estamos moi deficitarios no mantemento. Temos que poñernos ao día co coidado da vila.

-¿Como agarda o mandato?

-Eu espero que no goberno, confío no que estamos facendo, a oposición non pode pedirnos máis, porque xa non se pode dar. Estamos facendo máis do que esperábamos.

-¿Que tipo de oposición espera?

-Terán que facer o seu labor e expoñer as súas queixas. Sempre é bo estar en desacordo, iso obríganos a recapacitar. Nós queremos contar con tódolos partidos, sería iluso se pensase que van estar de acordo con nós en todo. O que vou a esixir é o respecto. Podemos discrepar, podemos ter o noso punto de vista, pero imos expoñelo con respecto.

-¿Que significa a política?

-É o arte de combinar as distintas formas de pensar e de concibir a vida, e de algún xeito facéndoas confluír nun punto onde se poida camiñar. A política é un mal necesario. Sen política seríamos incapaces de convivir. A xente debería interesarse máis por ela.

-¿Intentarán que se interesen?

-Por suposto, un dos plans que temos é o de involucrar á nosa militancia no día a día. Antes das sesións plenarias teremos reunións ca nosa militancia e con simpatizantes, para informarlles dos temas que imos tratar e ver que opinan. Buscamos que o militante se sinta útil e que saiba que participa e que consideramos as súas opinións.

-¿O PSOE respira de novo?

-Confío en que así sexa, dá a sensación de que camiñamos por aí. Depende de que eses políticos rancios teñan a gallardía de botarse a un lado e que deixen pasar xente nova. Necesitamos persoas que non estean contaminada e viciadas de malos costumes. No partido segue habendo membros que antepoñen os seus intereses fronte aos do partido.