Barbanza premia o talento con media ducia de certames

NOIA

A promoción do galego está detrás das convocatorias de carácter literario

04 mar 2015 . Actualizado a las 05:10 h.

A cultura vive un dos seus momentos máis doces en Barbanza. Así queda reflectido na proliferación de artistas, de exposicións e de iniciativas de todo tipo. Pero, co fin de darlle un pulo maior, concellos e entidades apostan pola convocatoria de certames con incentivos económicos. Nestes intres está aberto o prazo para a presentación de traballos a media ducia de propostas importantes, ás que hai que engadirlle iniciativas menores promovidas con motivo de efemérides coma o día da muller traballadora.

A literatura acapara a maior parte dos certames en marcha. Neste eido destaca, por súa longa traxectoria, o concurso de poesía Francisco Añón que ven de convocar o Concello de Outes e que acada a súa décimo novena edición. Trátase dunha convocatoria á que poden concorrer todas as persoas que o desexen, independentemente da súa idade, pois establécense categorías a partir dos 6 anos. O único requisito é o emprego do galego á hora de compoñer os versos.

O Concello de Outes anima a participación neste certame mediante a concesión de seis premios con cantidades que oscilan entre os 90 e os 1.200 euros. A decisión do xurado darase a coñecer o 17 de maio.

A mediados de maio tamén se fará pública a identidade do gañador do certame de realto de aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia e que este ano acada a súa décimo cuarta edición. Neste caso, establécese un premio único, de 3.000 euros, que se entregará acompañado dunha escultura do artista local Alfonso Costa.

Segunda cita en Noia

O Liceo promove un segundo concurso de relatos, que este ano acada a súa duodécima edición. O xurado dará a coñecer o 17 de maio a identidade do escritor que se fará co premio único desta convocatoria, 1.000 euros.

Un dos certames literarios máis completos de todos os convocados nestes intres é o Ramón Martínez López boirense. Trátase do único que abarca poesía e narrativa, indo dirixido tanto aos estudantes como á poboación en xeral. Iso si, pode dicirse que os galardón cos que está dotado son máis ben simbólicos, pois establécense case vinte premios, de entre 30 e 145 euros.

A relación de convocatorias dirixidas aos amantes da pluma péchase en Ribeira, onde está a piques de pecharse o prazo para a presentación dos traballos que concorrerán á quinta edición do concurso de novela curta Cidade Centenaria, que tamén se fallará en maio.

En común todas estas propostas teñen a promoción do emprego do galego.