Cando a arte vai impresa no ADN

MUROS

CARMELA QUEIJEIRO

Viven afastados, pero os irmáns de Muros fusionan as súas obras nunha exposición

25 abr 2017 . Actualizado a las 05:25 h.

Pode considerarse habitual que a vida de dous irmáns descorra de xeito paralelo, pero no caso de Fernando e Roque Rey, as similitudes continuaron a pesares de estaren afastados pola inmensidade do océano Atlántico. A exposición que teñen no centro cultural Lustres Rivas de Ribeira, a primeira que montan sós, é coma a unión de dous camiños cheos das viravoltas propias da vida que conflúen pola existencia dunha paixón común: a arte.

Fernando e Roque son coma dous cangrexos verdes, un termo acuñado por eles mesmos que ata empregan para presentar os seus traballos. Con el queren expresar que están vivos, que son seres libres e curiosos aos que aínda ninguén conseguiu atrapar -se fose así acabarían tornándose vermellos nunha pota-, como aqueles crustáceos que trataban de capturar nas noites de verán da súa infancia. Quizais foi ese vínculo forxado cando eran cativos o que agromou anos despois para dar como froitos singulares pinturas e esculturas.

Pois o certo é que, os irmáns medraron como artistas estando afastados. Fernando Rey, que é o maior, formouse como aparellador e na actualidade integra o cadro de persoal do Concello de Muros; mentres que Roque marchou de mozo para Nova York, onde rematou os estudos de Arquitectura e onde reside e traballa a día de hoxe.

A milleiros de quilómetros de distancia, os dous desenvolveron unha afección pola arte que semella levaban impresa no ADN. «Non sei se procede de algún sitio ou foi xurdindo un pouco cada día, pero no meu caso, a paixón chegoume de pequeno», explica o maior dos irmáns. O traballo, a familia e as obrigas propias de todo adulto retrasaron o desenvolvemento dun pasatempo que se fixo crucial na vida deste muradán alá polo ano 2000: «Co ánimo de transmitirlle á miña filla pequena o amor pola pintura, montei un pequeno estudo na casa e, a partir de aí, empecei a producir máis a miúdo».

Paisaxes e xeometría

Colaboracións puntuais con algún centro educativo, obradoiros no marco das xornadas culturais Muros Mira ao Mar e mesmo a participación no certame de pintura ao aire libre de Noia foron afianzando a traxectoria de Fernando no eido pictórico, mentres Roque, desde América, vivía unha experiencia similar, aínda que a nivel escultórico. Acuarela, óleo, carbón, pastel... calquera técnica lle serve ao primeiro, sempre que encaixe no seu afán constante por experimentar e por plasmar as paisaxes coas que se atopa no seu camiñar. Na obra do segundo, as formas xeométricas son a base dunhas divertidas figuras que cobran vida ao seren dotadas de mans, pés, cabezas e outros elementos propios do ser humano.

Foi a Concellería de Cultura de Ribeira a que lle deu a estes irmáns o empurrón definitivo para que se animasen a montar unha exposición: «Desde que abriu o Lustres Rivas, este departamento leva a cabo un traballo moi importante, tanto a nivel expositivo como didáctico», comenta Fernando Rey, quen engade que foi a parte educativa a que chamou a súa atención: «O que nós facemos ten moito que ver cos nenos e, como sabemos que no centro ribeirense se organizan visitas de escolares, mesmo preparamos material didáctico relacionado coa exposición».

Aínda que os irmás de Muros non teñen, polo menos de momento, produción artística suficiente como para montar exposicións de xeito continuado, Fernando Rey confesa que non lle importaría que O cangrexo verde recalara noutras localidades: «O que me preocupa é ter tempo para seguir creando, pero quedei satisfeito, sobre todo co proceso de montaxe e, na medida en que se poida, sería moi interesante xerar interese en outras localidades».