O soño americano atopouse un Anxo

MUROS

Este veciño de Esteiro gañou o galardón ao mellor profesor de historia do estado de Nova York

17 may 2015 . Actualizado a las 11:24 h.

Para saborear os éxitos do presente o mellor é recordar os sacrificios do pasado. Anxo Brea é o claro exemplo diso, aínda que foi nomeado, de entre 74.000 candidatos, o mellor mestre de historia de todo o estado de Nova York, asegura que o galardón «non lle quita o sono» e que non deixa de ser un paso máis no seu camiño.

A historia de Anxo arranca nas aulas das escolas franquistas: «Eran aquelas brancas tradicionais, cos nenos nun lado e as nenas no outro e cun único mestre para todos». Recorda aos profesores daquela época con cariño: «Pese a tódalas trabas que había gañamos coñecementos, aprendemos galego, fixemos experimentos e gozamos facendo teatro». Formou parte desa xeración que experimentou os últimos anos do franquismo e da ansiada chegada á democracia.

Ademais da escola botáballe unha man ao seu pai no taller, ao cal define cunha única palabra: «Era un xenio, o que facía na fragua a golpe de martelo e lume, xa case non o fai ninguén». Pasaron oito anos traballando xuntos na «universidade da vida» e mentres soldaba aproveitaba os tempos mortos para estudar: «Grazas a un gran amigo enroleime na escola de idiomas de A Coruña e aprendía inglés».

Un día un compañeiro que emigrara para Nova York comentoulle que alí podería cumprir o seu soño de estudar: «Coa súa axuda tramitei un visado de estudante, merquei o billete de avión mais barato e una tarde de setembro do 1985 collín o camiño para as Américas».

Aí comeza a súa aventura no novo mundo. Custoulle traballo arrancar, o mito do soño americano xa non era máis que unha lenda. Anxo recoñece que os dous primeiros anos foron duros: «Traballaba na construción e ía á escola de inglés de noite. No inverno sempre escaseaba o traballo, así que traballei de soldador ata que un amigo meteume de pintor de edificios».

Comezo na universidade

O cambio de traballo permitiulle comezar os estudos na universidade: «Foi unha experiencia única, pouco a pouco ía aprobando as clases, gañaba confianza e descubría un mundo excitante». En setembro de 1991 comezou unha carreira meteórica na mundo da educación. Pasou por diferentes centros e institucións ata que un día o señor Leavy DeVale chamoulle para dar clase na escola 257 de Brooklyn: «Non puiden resistir a tentación de volver a traballar con nenos». Ve neles o futuro: «É una gran satisfacción velos cada mañá listos á porta da aula para compartir o día explorando, discutindo e experimentando. Encántame ver como se superan e fan cousas que eles mesmos crían imposibles».

O método de traballo de Anxo axuda aos rapaces para que acudan cada mañá motivados. Utiliza informática, música, arte, xogos, humor, teatro e todo tipo de innovación que atopa: «Facemos viaxes, invitamos xente relevante, creamos vídeos e investigamos. Pero sobre todo cuestionamos a validez e a razón dos feitos históricos». Plantar neles unha semente de curiosidade. Aínda así móstrase crítico co sistema educativo: «A creatividade está limitada por un currículo estrico que marca unhas pautas fixas de ensino, e os resultados dos exames son os únicos que determinan o éxito ou o fracaso escolar».

Xa leva trinta anos fóra de Esteiro pero mantén os vínculos coa súa terra intactos. É membro de dúas asociacións de galegos e forma parte dun grupo de gaitas. Asegura que cando ensaian: «É como se estivese de volta en Galicia». Recorda o esforzo de tódolos mestres que fixeron que un rapaz coma el se sinta un privilexiado. Conseguiuno porque cando saboreou o éxito nunca esqueceu o camiño que o levou ata el.

Anxo brea mestre de historia

Bachelor of Arts no Queens College

Máster en Educación con especialidade en matemáticas

Máster en Administración de colexios no Baruch College

TRAXECTORIA

Tras formar parte do Departamento de Educación de Nova York, fai dez anos que Anxo Brea é mestre na escola 257 de Brooklyn. Grazas ao seu traballo neste centro recibiu o premio ao mellor profesor de historia do Estado de Nova York, por parte do Gilder Lehrman Institute of American History.