Sete décadas escachando o gran

MAZARICOS

Xoán Ramón Alvite

A veciña de Mazaricos mantén viva a vella tradición de moer para obter fariña

26 abr 2017 . Actualizado a las 15:16 h.

Poucos barbanceses tiveron a sorte de ver, algunha vez e en directo, unha escena tan habitual noutros tempos como a moedura do millo nun muíño de río. Porque, aínda que se contan por centos os que permanecen en pé na comarca, practicamente chegan os dedos dunha man para relacionar os que seguen a funcionar dun xeito máis ou menos habitual. Un deles está en Mazaricos, concretamente no núcleo de Asenso, e a súa propietaria, Dominga Romero Pereiro, non só non ten problema en ensinárllelo a quen o pida, senón incluso en botalo a moer «sempre e cando haxa auga suficiente porque neste momento o rego, ademais de estar porco, tampouco leva abonda para que vire o reducio», aclara a orgullosa muiñeira. Profesión que, neste caso, exerce dun xeito totalmente afeccionado, porque na Chanca -zona onde se localiza a instalación e que, por tanto, lle da nome- só se moe o gran da casa do Marabexo, o sobrenome da vivenda dos propietarios, e «cada vez menos, porque as cousas agora xa non che son nada coma eran antes», di ela.

Ao contrario do que pasaba noutros moitos muíños da zona, este é propiedade dunha soa familia que, aínda que se lle deixaba a veciños ou familiares que o pedían, tampouco tiña a incesante actividade que rexistraban outros. «Claro que llo temos deixado a persoas ás que non lles chegaba a peza -quenda na que se repartía antigamente o dereito de uso destes lugares- que tiñan noutros muíños para moer todo o seu gran, pero normalmente só moiamos nós», comenta Dominga Romero, que recoñece que ela soa aprendeu a moer vendo como o facían os seus antepasados.

«Xa ves que é moi fácil, que calquera pode facelo. O único que hai que ter é un pouco de coidado dependendo de se se quere que a fariña sexa algo máis viva ou máis munda -máis ou menos fina- que hai que andar xogando co alto da moa», comenta a propietaria da construción mentres intenta poñer en circulación a inmensa pedra circular que serve para escachar o gran, tanto sexa de millo, trigo ou pan, nome que a mazaricá utiliza para definir o centeo, un produto que, como apunta, se moia en boas cantidades hai anos.

A historia da construción

Se con total perfección funciona o muíño da Chanca, de igual maneira o fai a cabeza de José Romero Siaba, tío de Dominga e unha das persoas que participaron na construción da muiñeira tal e como recorda. «Haberá setenta e pico anos que o fixemos meu pai, un irmán e máis eu. Non recordo a data concreta na que o empezamos, pero si que a tella a aproveitamos da casa do Oveiro de Val -outra aldea de Mazaricos- que se desfixo dela cando empezou a facer a nova», recoñece. Pese aos seus 90 anos e a sufrir moitos problemas de mobilidade, el segue mantendo unha gran ilusión porque o muíño siga en activo durante outro tanto tempo.

«Habería que falar co alcalde ou con algún outro organismo para que nos dera unha axudiña e así poder arranxalo. Non lle sobraba unha reforma á présa, que está toda estragada e así non deixa chegar moita auga. O interesante é que se conserve moitos máis anos para que os novos poidan ver todos os traballiños que pasabamos antes», apunta o veterano mazaricán, que recoñece que foron totalmente autodidactas á hora de construír o muíño e poñelo a andar. «Non eramos especialistas en nada, pero sabiamos algo de cantería e de carpintería e nós fixémolo todo pouco a pouco. E, ao longo de todos estes anos, tamén nos fixemos cargo de todos os arranxos que lle houbo que ir dando, porque algunhas pezas gástanse e a outras hai que ir facéndolles pequenos arranxos». Refírese, principalmente, á moa que, cada certo tempo e en función do traballo que leva feito, hai que picala. «A pedra hai que picala ben, porque senón non moe como é debido», explica.

De momento, o muíño da Chanca está a punto e segue a funcionar perfectamente. Leva 70 anos facéndoo de xeito continuado e só algo tan imprevisible coma a chuvia é capaz de telo parado durante uns días.