A hidroloxía

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

MAZARICOS

10 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O meu tío Sindo, agora xubilado dende hai uns dez anos, nunca chegou a ter máis de trinta vacas leiteiras, e algúns outros familiares meus vivían con arredor dunha ducia. Agora teño outro curmán que posúe unhas duascentas reses e anda moi axustadiño a pesares de que recibe un prezo dos altos, pero nada que ver con esas perdas de máis de dous millóns de euros na zona de Mazaricos como se informou neste xornal. Iso é demasiado serio, o que deberían analizar sosegadamente tales produtores, xa que tanta perda non pode atribuírse en exclusiva á industria e á distribución, así que vou dar a miña opinión. Cada un dos meus familiares tiña unha cantidade de vacas, porcos ou galiñas, proporcional coas terras que posuía, así que non precisaban mercar pensos alimentarios que, polo xeral, son cereais e forraxes que producen os grandes terratenentes das Castelas, converténdose así nos auténticos granxeiros de vacún, porcino e aves da península. Primeira cuestión a ter en conta.

Este pasado verán foi especialmente escampado o que afectou á produción normal de forraxes e, nestes intres, os embalses galegos están na metade da súa capacidade, pero non é doado entender que na terra dos mil ríos haxa escaseza de auga. En realidade a auga non escasea en Galicia, o que escasea son os encoros e, aínda que chove cando Deus quere, nesta terra sempre chove abondo para dispoñer do líquido elemento tanto para o abastecemento da poboación como para regar todas as leiras galegas e así manter o control das sementeiras. Segunda cuestión.

E terceira cuestión, que a Xunta tivese políticas agropecuarias.