Coma un escalpelo crítico

Ramón Nicolás

MAZARICOS

Gómez Xurxo exhibe, nun total de cinco relatos, situacións dramáticas que viven ou ás que se ven abocadas algunhas das persoas que son máis permeables ás ameazas no  noso tempo

10 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Segue a transitar con convicción e paso firme Silvestre Gómez Xurxo (Mazaricos, 1951) polos eidos da literatura xuvenil con propostas, ao meu ver, ben acaídas tamén para un lectorado adulto. Así se demostra con De cristal, volume que se vén engadir a un celmoso percorrido narrativo constituído por Déixao medrar (2000), Ith (2001), Todo vai ir ben (2005) e mais Ti non xogas (2011).

Os relatos compilados en De cristal desprenden unha singular habelencia para  compoñer, con plasticidade e verosimilitude, un universo onde o protagonismo se nuclea arredor dun monllo de situacións e  vivencias que algúns personaxes que se asoman á mocidade experimentan no seu contorno máis próximo como é o familiar ou o escolar. O autor, neste sentido, opta por abrazar unha lexítima solución e de longa tradición como é a de inmiscirse, como un personaxe máis con opinión propia, naquilo que relata para reflexionar sobre os conflitos de fondo calado que formula. O obxectivo semella sempre construír deste xeito unha metáfora global sobre a vulnerabilidade ?a lectura da presenza simbólica de diversos animais e o título do libro apuntan nesa dirección? na que recrea grandes temas da literatura de todos os tempos como son a crueldade, o fatalismo, o vitimismo, o sentimento de culpa, a resistencia ou a adaptación ás diferentes situacións, acomodándoos a un contexto contemporáneo. Non hai asepsia de ningunha clase nestas páxinas; moi ao contrario agroma nelas unha evidente invitación á reflexión, a espertar o espírito crítico e mais tamén á esperanza nas posibilidades que encerra a  propia condición humana para ollar o futuro cun chisco de esperanza.