«Simboliza a recuperación da vida na comarca, non só da economía»

Antón Parada

LOUSAME

MARCOS CREO

O grupo preparará parcelas das inmediacións do complexo para facer cultivos

09 feb 2016 . Actualizado a las 13:40 h.

Noutrora, os límites do esplendor económico do mosteiro de San Xusto en Toxosoutos (Lousame) abranguían gran parte de posesións en Noia, Muros, Outes, Porto do Son, Ribeira, Rianxo, Boiro... chegando tamén a Compostela, Rois e Ames. Exercía o control sobre 47 igrexas e 17 municipios. Esta edificación, cuxa construción data do ano 1133, foi perdendo progresivamente ese poder ata que os sons da rutineira vida monacal foron substituídos polo bulir da auga na fervenza anexa. Ata agora, claro.

En xuño do ano pasado xerminaba a semente dun ambicioso proxecto. O Concello de Lousame, que se encargara previamente da restauración do complexo eclesiástico, atendía a unha petición dun grupo de persoas coordinadas dentro do programa UNED Sénior. A Asociación Máis de Tres, vinculada ao seo dos Foros Ecolóxicos do Barbanza, propúñase recuperar a actividade máis esencial, e a máis esquecida, do lugar. Chegaba a hora de cobrar os desmos do pasado. Chegaba a hora de devolverlle a riqueza a aquela terra.

Os donos reais da terra

«Simboliza a recuperación da vida na comarca, non só da economía», Carme Freire, unha das máis de 25 integrantes do colectivo, define así o proxecto polo cal xa se realizaron máis de seis talleres e quince saídas de carácter didáctico a escenarios naturais da comarcas de Noia e Barbanza. O programa que converte a Toxosoutos, xunto con Rianxo, na capital deste plan da universidade a distancia, orientado a persoas maiores de 50 anos, recibiu un xiro grazas a esta agrupación. 

«Engadimos o noso requisito de que tamén puidera colaborar xente moza», explicou Freire. E así comezaron a asentar o importante concepto da transmisión de coñecementos en risco de caer nas fauces do esquecemento. Desenvolveron cursos baixo a premisa ecolóxica de que pode existir outro modelo de explotación agrícola afastado do convencional comercio de masas, que foron exemplificados na horticultura, froiticultura, avicultura, castañicultura e ata na repostería tradicional do Nadal.

A Asociación Máis de Tres despexaba as extensións de terreo onde antes reinaba a maleza para poñelas ao servizo de especies e variedades locais, cedidas por veciños das dúas comarcas. «Non se trata de que quede recolleito nun manual nin nun vídeo de carácter museístico, queremos ligalo de verdade á posta en valor da produción», remarcou a que foi unha das representantes do Sindicato Labrego Galego.

Durante todo este mes, prepararán as parcelas para cultivar dende hortalizas e froitas a curiosidades como froitos silvestres e cogomelos. Ademais, «igual que os monxes plantaban herbas medicinais, gustaríanos destinar un espazo para isto», desvelou Xermán García, outro dos activos participantes desta asociación ecolóxica que congrega a voluntarios de ata Santiago.

Construír un soño

As vindeiras citas desta escola taller pasan por obradoiros que realicen os futuros cultivos, pero tamén outros coma o de reprodución e coidado de camelias. Mais o potencial que alberga Toxosoutos podería materializarse na realización dun mercado que distribúa os produtos, xa que cando o Concello repoña a cociña seguirán envasando artigos como marmeladas ou licores. No interior dese remuíño de soños aspirarían a dinamizar o turismo, amosándolle aos visitantes que non todos os tesouros subterráneos se gardan en cofres.