Joám Fernandes esixe o peche da causa que segue aberta contra el

M.X.B.

BOIRO

MARCOS CREO

Foi detido hai pouco máis dun ano no marco da operación Jaro

11 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi detido en outubro do 2015, no marco da operación Jaro, acusado de enaltecemento do terrorismo e pertenza a unha banda armada. O venres pola noite, o boirense Joám Fernandes Gonçales, que segue á espera de que se celebre o xuízo, aproveitou unha charla no centro social para pedir que se peche a súa causa e se limpe o seu nome. Argumentou que as únicas irregularidades que cometeu foron acudir a unha concentración cunha foto de Moncho Reboiras e pertencer a Causa Galiza, «o primeiro partido político ilegalizado en Galicia desde o ano 1936».

O boirense mostrouse convencido de que, a pesar de que se está tratando por tódolos medios de prolongar o proceso, «non hai caso». Fernandes sinalou que el é o gran prexudicado: «Viñéronme roubar á casa, pois leváronse o meu ordenador e estou esperando a que mo devolvan», feito ao que sumou a estigmatización que sufriu nun primeiro momento.

O venres, co cheo que rexistrou o centro social, quedou demostrado que o boirense conta co apoio dos seus veciños. Para el, a operación Jaro tiña un único fin: «Foi un golpe para abortar e cortar de raíz ou pequeno movemento independentista que empezaba a aflorar en Galicia».