«Teño a sorte de poder facer o que realmente quero e me apaixona»

maría piñeiro / A.?G.

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

O director musical adoita viaxar a diferentes recunchos de toda Galicia

30 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Barbanza acolle entre a súa xente a un recoñecido director de orquestra. Amante da ópera e de Siniestro Total, o boirense Diego García comezou a súa andadura profesional en Europa central e deixou pegadas en prestixiosas salas, como o Teatro Real de Madrid. Mañá collerá a batuta da Real Filharmonía de Galicia na praza da Quintana e dirixirá un programa musical que promete deleite para o público, inclusive o máis esixente.

-¿Cal é o seu lugar de residencia actualmente?

-Fai un ano que vivo en Bratislava, Eslovaquia. Encántame a cidade, é ideal para vivir. Ao estar xusto no centro de Europa, teño a posibilidade de viaxar máis comodamente a outros países.

-¿Non é demasiado abafador o ritmo de vida tan axitado que leva vostede?

-É certo que me desprazo moi a miúdo debido a cuestións laborais. De todos xeitos, é algo que xa teño moi asumido e creo ademais que non é necesario vivir onde traballas, así que esta condición non afecta especialmente.

-¿Cada canto tempo regresa á súa terra natal?

-Case todos os veráns. Veño a Boiro por motivos laborais e familiares, así que teño moito apego a esta zona. Nesta ocasión tiven quince días para poder gozar de tempo só para min e lonxe de compromisos profesionais.

-¿En que inverte este tempo libre do que dispón?

-Intento equilibralo entre o descanso e as visitas a amigos. Como moitos dos meus amigos viven en diversos puntos de Galicia, o recorrer quilómetros é unha característica inherente ao meu estilo de vida. 

-¿Que destinos non poden faltar na súa estancia en Galicia?

-Gústame o mar, por iso sinto predilección por praias como a de Espiñeirido ou A Gaivoteira. Na miña etapa como membro da banda Arume realizábamos alboradas por numerosas aldeas galegas. Así que, sempre que podo, intento levar á miña moza por estes recunchos.

-A nivel musical, ¿que lugar o marcou máis?

-Indubidabelmente Londres. Teñen unha cultura musical inmensa e a oferta artística, á parte de ser descomunal, é moi accesible. Neste lugar empapeime de experiencias moi gratificantes.

-¿Como ve o panorama musical galego?

-Existen signos inequívocos de que hai melloría, pero aínda queda por facer. Sorprendería a cantidade de músicos galegos que están emigrados. Eu teño a sorte de poder facer o que realmente quero e me apaixona.