Versos de Rosalía inauguran a Semana Temática en Barraña

BOIRO

O concerto de NARF foi o primeiro acto dunha semana repleta de actividades culturais

21 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai algo que glorifica a cultura é a súa habilidade para recordar o pasado e crear pontes co presente. Ese foi o rol que xogou onte NARF no arranque da segunda Semana Temática, que organiza a biblioteca escolar do instituto Praia Barraña. Grazas ao músico santiagués, os versos de Rosalía e Castelao fundíronse co son da guitarra eléctrica, combinando o mellor da tradición galega coas músicas contemporáneas.

NARF, nome artístico de Fran Pérez, gañou os aplausos de todos os asistentes, que a pesar da súa xuventude agradeceron unha mestura de estilos moi complicada de atopar no circuíto musical xeral.

Traxectoria mundial

O cantautor conta cunha prolífica traxectoria, que o levou a visitar Brasil, Mozambique, Portugal, Cabo Verde e Guinea-Bisáu, onde tomou prestados conceptos dos diferentes estilos musicais locais. No Praia Barraña, a súa experiencia coa guitarra púxoa a disposición dos alumnos de primeiro de bacharelato, xa que, ademais de entoar as diferentes cancións, mantivo, entre peza e peza, unha activa conversa cos rapaces do centro boirense.

O concerto foi o primeiro acto dunha semana repleta de actividades culturais, que se engloban nesta Semana Temática, e que leva o título de Tradicións e costumes. A pretensión do instituto é darlle a relevancia que o patrimonio cultural galego precisa, e mostrar todos os traballos dos alumnos sobre a temática.

Para hoxe espérase a actuación do artista ribeirense Quico Cadaval, que comezará ás 10.30 horas e que agasallará aos rapaces cunha mestura de monólogo e conta contos.