«Non estou viva, estou vivindo»

BOIRO

Cando non está nos edificios culturais de Boiro, á activa veciña gústalle pasear pola praia de Barraña.
Cando non está nos edificios culturais de Boiro, á activa veciña gústalle pasear pola praia de Barraña. dani gestoso< / span>

Aos seus 75 anos, a boirense ven de conseguir o título de educación secundaria obrigatoria

27 feb 2015 . Actualizado a las 21:13 h.

Hai quen, cando acada a etapa dourada da xubilación, dedica o seu tempo a pasear e xogar á baralla, pero ese non é o caso de Rosa Saavedra. Esta boirense, que ao longo dun cuarto de século estivo detrás do mostrador dunha droguería, atravesa o seu período de maior actividade. Forma parte do elenco de Teatro do Improvisto, acode a clases de informática, é unha brillante alumna de música e mesmo se atreveu a volver ao colexio. De feito, ven de obter o título que acredita que superou con éxito a educación secundaria obrigatoria.

Recoñece que cando se xubilou, o primeiro que pensou en facer foi seguir os pasos dos seus colegas pasando as tardes barallando as cartas no centro social. Alí, no epicentro cultural boirense, decatouse de que o corpo lle pedía coller outro rumbo. Cando cumpriu os 66 xa estaba sentada nun pupitre da escola de adultos. «Eu non teño fame de comer, pero de aprender si, sempre me gustou», asegura esta boirense que, despois de pasar tamén polos obradoiros de memoria da Cruz Vermella deu o salto definitivo.

Lembra con descontento que cada vez que tiña que cumprimentar un impreso, fora para o que fose, víase obrigada a deixar en branco o espazo reservado aos estudos. Iso era algo que lle xeraba tanta carraxe que decidiu poñerlle fin matriculándose na escola de adultos que funciona na casa de cultura da Cachada. Os comezos non foron doados, sobre todo cando topou coas matemáticas: «Eu sabía ler e escribir malamente e cando vin aquela lousa chea de números asusteime». Decidiu aparcar esta materia, que foi sacando a trancas e barrancas. Agora, Rosa Saavedra xa pon orgullosa nos impresos que conta co título de educación obrigatoria: «Non me foi doado, claro que non, pero non tiven que repetir curso algún e agora estou la mar de contenta».

O inglés, próximo reto

Despois de tanta enchente de letras e números, a boirense quere pasar un tempo afastada dos pupitres, pero non moito. Xa ten na cabeza cal será o próximo reto a superar: «Vou deixar pasar este ano, apuntándome a algún que outro curso ou actividade temporal. Despois, gustaríame acudir a clases de inglés. Agora que me manexo algo coa informática sinto a necesidade de entender o significado de determinadas palabras».

Rosa Saavedra asegura que o ordenador foi outro dos seus grandes descubrimentos: «Gústame moito Internet, porque me permite falar cun montón de xente aínda que estou enferma e teño que quedar encerrada na casa». De feito, a boirense asegura que o eido da comunicación encerra a súa gran vocación frustrada: «Se eu vivira nesta época e tivera a oportunidade de estudar, elixiría xornalismo».

E seguro que non se lle daría nada mal, pois esta veciña enfróntase ao público sen pudor en cada actuación de Teatro do Improvisto, atrevéndose incluso cun monólogo escrito por ela mesma: «Gústame moito actuar, de todo o que fago é o que máis me enche». Ata exerce de guía turística nos muíños restaurados de Ponte Goiáns cada verán. Non hai nada que se lle resista: «Fago todo o que me propoño».

A casa de cultura e o centro social son lugares que Rosa Saavedra frecuenta. Di que, cando non está neles, aqueles que queiran atopala teñen que dirixirse a Praia Xardín: «A praia é para min o universo, alí camiño, penso e tomo decisións».

Acude verán e inverno, cando as clases de música, os obradoiros de musicoterapia, os ensaios do teatro, a informática e as actividades ás que se apunta esporadicamente llo permiten. Cando pensa no seu intenso calendario di coa boca chea: «Non estou viva, estou vivindo».