Partido de contrastes no Poboado entre As Pontes e Boiro

X. FERREIRO / AS PONTES

BOIRO

22 feb 2015 . Actualizado a las 11:39 h.

O Poboado vivirá este domingo (17.00) un partido de contrastes. Chega un Boiro incomprensiblemente antepenúltimo clasificado da Terceira División galega. Porque ten un plantel para estar loitando polos postos de play off de ascenso. E conta de medio campo cara arriba, quizais, cos mellores xogadores da categoría, con David Añón (que non poderá ser da partida esta vez), Adrián Quintairos, Carlos Padín, Armental, Pillado, Rubén Márquez... E reforzouse hai pouco polo medio Carmelo Yuste, ex futbolista do Eibar e do Alcorcón.

Por outra banda, un As Pontes aínda aturdido pola derrota por 3-2 no último minuto en Ponteareas ante o penúltimo clasificado, despois de ir gañando 0-2 mediado o segundo tempo. Nos últimos enfrontamentos, rexistráronse no campo do Poboado un resultado de 2-0 a tempada pasada, e de 2-1 e 1-0 no terreo de xogo de Barraña.

O Boiro fletará un autobús para os seus afeccionados, pois con 25 puntos esta é a súa última oportunidade para reengancharse a unha salvación en Terceira da que está agora mesmo a seis puntos. Non está en moita mellor situación o As Pontes, vítima da súas concesións, so tres puntos por riba do descenso.

Sen Santi

O adestrador local, Iván Rodríguez, recupera para este encontro ós sancionados Nano e Chote, e disporá de todo o plantel a excepción do lesionado Santi.

Arbitrará o colexiado Javier González Arévalo, do colexio de A Coruña. O encontro comezará ás 17:00, coma os outros sete que se xogarán na xornada do domingo.