Salve! Estrela dos mares

Unai González

A POBRA DO CARAMIÑAL

16 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tada ano os foguetes anuncian as festas dos pobos, os festexos populares que unen aos veciños cos visitantes para confraternizar e celebrar uns días de entretemento e distensión das rutinas e responsabilidades cotiás, unindo tradición e innovación a través de grandes ou pequenas orquestras, fogos de artificio, degustacións, xogos e competicións e por suposto, coas consabidas celebracións relixiosas, conseguimos esquecer as tristuras da existencia para gozar da festa da nosa localidade.

Na época estival proliferan todo tipo de celebracións; cada aldea, vila ou cidade ten a súa propia festa que conmemoran con gran solemnidade e fervorosa dedicación, pero sen dúbida, a que maior presenza ten é a que se organiza en numerosas localidades con motivo do día do Carme, patroa da xente do mar. O caso é que non hai ningunha comarca de Galicia que non celebre esta festa, así sucede na nosa contorna e no Barbanza, Muros e Noia teñen lugar festexos na honra da Raíña dos Mares en Cabo de Cruz, Rianxo, Muros, A Pobra do Caramiñal ou Aguiño sen necesidade de que advocación da parroquia sexa a da virxe do Carmelo como sucede nesta última vila, xa que a tradición, a devoción e o respecto polo Carme está presente en calquera porto de mar por pequeno que sexa, e quen non celebra festas completas fai misa e procesión como é o caso de Corrubedo ou Palmeira.

A beleza dun festexo que nestes días engalanou as rúas con lámpadas de cores e pólvora multicolor con grande estrondo, uniu a familias compartindo mantel e confidencias, consolou aos aflixidos polas tristuras do ser e do existir mesmo, repartiu sons de gaitas, tamborís, bombos, cornetas e trompetas coa elegancia das bandas de música e a beleza dos grupos tradicionais, fixo probar a sardiña, a boroa e o viño tinto, sucou os mares sobre embarcacións engalanadas e abandeiradas do homenaxe aos afogados e sobre todo permitiu que a vida nos devolva un pouco da ledicia que rouba paseniña no solpor de cada día, porque ao compás dunha alborada, dun pasodobre ou do propio himno do País, os rumorosos nun día coma hoxe, 16 de xullo, dicimos Salve! Estrela dos mares, nai do Divino amor. Salve, salve, salve, salve!.