A homenaxe a Valle sube de nivel

A POBRA DO CARAMIÑAL

O programa será máis participativo, abríndose incluso ao público infantil

03 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Variado, como viña ocorrendo nos últimos anos, pero con actividades vinculadas ao mundo das artes; motivado ao redor da figura do homenaxeado e participativo. Así é o programa deseñado na Pobra para render homenaxe a Ramón María del Valle-Inclán, un paquete de actividades que se van desenvolver entre o martes e o vindeiro día 31. Conferencias, exposicións, recitais e mesmo presentacións de libros compoñen un calendario que confirma o compromiso do Concello e da Xunta coa labor de difusión da figura do escritor que levan a cabo tanto o museo como a asociación de amigos deste centro ao longo de todo o ano.

O máis importante, para o director do museo Valle-Inclán, Antonio González, é o feito de que as xornadas acadan nesta ocasión a décimo sétima edición: «Non é habitual en Galicia que unha programación destas características se prolongue durante tanto tempo». Pero tamén quixo destacar algunhas das actividades que conforman o programa, desde a conferencia de Neira Vilas ata o libro que presentará Xaquín del Valle-Inclán Alsina (día 23). O capítulo de intervencións pecharase con Xosé Manuel López Vázquez, catedrático de Historia da Arte, que disertará sobre a repercusión do homenaxeado na arte galega (día 28).

Antonio González tamén quixo facer fincapé nunha actividade fixada para o día 30 e que terá como destinatarios aos máis pequenos. Alumnos de diferentes colexios percorrerán o museo, coñecendo de preto a pegada de Valle-Inclán: «Eles son o futuro e hai que espertar o seu interese», explicaba González.

Unha exposición de ilustracións sobre a torre de Bermúdez asinadas por Héitor Picallo; un recital de poesía musicada a cargo de Marta Pedrosa, Aleixandre Fontán e Manuel Teira, e unha lectura dramatizada con Bradomín completan a parte máis artística das xornadas. Pero hai tamén unha sección lúdica, na que se inclúen o monólogo que ofrecerá Sergio Pazos o vindeiro venres, o magosto amenizado por Malvasía do sábado, o concerto do grupo de fol Böj (día 31) e unha excursión polas vilas valleinclanianas da provincia de Pontevedra (día 18). Esta actividade, na que colabora O Cuadrante vilanovés, terá segunda parte. No mes de novembro, un grupo do outro lado da ría devolverá a visita.

Haberá visita institucional, pero sen a tradicional ofrenda floral

No programa das xornadas de homenaxe a Valle-Inclán que onte se deu a coñecer na Pobra non figura unha das actividades que, ata o de agora, era imprescindible en dito calendario. Trátase da ofrenda floral que se levaba a cabo sempre coincidindo coa recta final dos actos, ao redor do 28 de outubro, data de conmemoración do nacemento do literato. Aínda que desde o museo se confirmou que haberá visita de autoridades da Xunta de Galicia, esta limitarase a un percorrido pola torre de Bermúdez.

Neste sentido, Antonio González explicou que se tenta volver ás orixes da homenaxe a Valle-Inclán «facendo fincapé na potenciación da cultura e da figura do escritor, pero evitando aqueles actos que teñen só un fin promocional».

Conferencia a cargo de Xosé Neira Vilas

Para abrir as xornadas de homenaxe a Valle-Inclán, o martes recalará na vila pobrense o escritor e membro da Real Academia Galega Xosé Neira Vilas, que ofrecerá unha conferencia sobre a Semente galega en América. O autor de Memorias dun neno labrego falará do traballo a prol da literatura que moitos dos seus contemporáneos desenvolveron ao outro lado do océano Atlántico. A actividade desenvolverase ás 20.00 horas no auditorio do museo.