Unha alianza para rescatar o pasado

A. parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A través dunha inversión de medio millón de euros da Deputación da Coruña, catro castros do período prehistórico de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo serán intervidos

12 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixo o académico epígrafe de A Idade do Ferro, Os castros dos praestaméricos atópase un dos proxectos máis ambiciosos e atractivos para o público de a pé, en materia de investigación e difusión arqueolóxica, lanzados nos últimos anos na comarca. A Mancomunidade de Concellos de Arousa Norte deuno a coñecer onte nun acto que, precisamente, levou aos alcaldes dos catro municipios que a conforman e a representantes da Deputación da Coruña a enchouparse do mesmo pasado e patrimonio que comparten.

Mediante unha importante subvención de medio millón de euros, a cargo do organismo provincial, poderanse materializar unha serie de actuacións durante un período de catro anos que devolverán a actividade investigadora a catro xacementos prehistóricos barbanceses, así como permitirán realizar melloras de accesibilidade, elaborar ferramentas de difusión e organizar actividades. En definitiva, acercarlle a veciños e visitantes un tesouro milenario en forma de coñecemento.

«Arousa norte dispón dun valor único en Galicia e, posiblemente, en Europa, xa que conta coa maior densidade de castros investigados cientificamente nunha comarca natural e nun antigo territorio xa identificado como tal dende as fontes clásicas romanas», destacou do gran obxectivo deste plan o presidente da mancomunidade e rexedor pobrense, Xosé Lois Piñeiro, sinalando que a meta está na creación do que será o futuro Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro do Barbanza.

Xunto ao mandatario da Pobra estiveron presentes os seus homólogos ribeirense, Manuel Ruiz; rianxeiro, Adolfo Muíños; e boirense, Juan José Dieste. Cada un representaba os relevantes activos que tiñan para ofrecer en cada municipio: a croa de Posmarcos, o castro da Cidá, o de Isorna, así coma o de Neixón e o do Achadizo, respectivamente. O deputado provincial da área de Turismo, Xosé Regueira, pechou o elenco de autoridades ao que tamén se sumou o edil ribeirense Víctor Reiriz.

O turista cultural

A xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, explicou que o obxectivo pasa por saír á caza do turista cultural, un perfil clave para avanzar no proceso de desestacionalización e lograr que se reforcen as chegadas de visitantes procedentes do Reino Unido, Francia, Portugal, Alemaña ou dos países nórdicos. Trátase de poder ofrecer un novo produto durante todo o ano.

Por outra banda, a listaxe que conforma cada xacemento arqueolóxico a percorrer neste parque está artillada para afondar individualmente nun aspecto histórico que permita elaborar un relato común nos catro concellos. Neste sentido, o pasado de Isorna será perfecto para ilustrar a importancia do control estratéxico das comunicacións fluviais a través do río Ulla.

A península de Neixón tamén servirá de pedestal para abordar os distintos intercambios comerciais con poboacións estranxeiras como a dos fenicios, así como os avances da propia Idade de Ferro -atopáronse vestixios dun forno metalúrxico-. Dende o Achadizo analizarase a explotación dos recursos mariños, mentres que Posmarcos será ideal para estudar o ámbito agrario. Por último, o castro da Cidá está chamado a constituír en si un auténtico percorrido pola orixe desta última fase da Prehistoria e a súa posterior evolución.