Un rescate en Dorna dunha patria á deriva

Antón Parada

BARBANZA

25 jul 2017 . Actualizado a las 13:50 h.

Hoxe cúmprese unha desas controvertidas efemérides, como calquera outra que leve engadida no título a palabra patria. ¡Cantos perigos encerrou sempre ese termo e cantas opinións diferentes se verteron en torno a ela! Mais eu aínda sigo dubidando que é iso da patria. Por suposto que esta ten que estar composta das verbas dos nosos ilustres escritores e do recordo de aqueles que loitaron por defender a nosa cultura, sen embargo, co paso do tempo as vitorias acadadas -a pesar das que quedan por gañar- acaban por diluír o sentido da reivindicación. Sobre todo entre a mocidade. Mais sempre xorden novas formas de crear unidade entre a poboación e, sen ningunha dúbida, a Festa da Dorna, en Ribeira, simboliza ese rescate actual.

De todas as veces que un servidor se quedou afónico berrando «¡festivo local, xa!», nunca me imaxinei que acabaría traballando un 24 de xullo, unha vez conquistada esa batalla. Por certo, un recordo para todos aqueles que dicían que era perder o tempo, porque me permite escribir cun sorriso. Para lograr o que debera de parecer unha nimiedade local fixo falla poñer en marcha un músculo social que se exercitou durante múltiples singraduras. En torno a esa consigna fóronse agrupando persoas de todo tipo de parecer, ideoloxía e posición social. Porque iso é o que define á Dorna, a unidade dun pobo.

Porque esta festa fixo máis pola cultura galega que puñados de subvencións políticas. A Dorna potencia o emprego da lingua galega a través do seu propio dicionario de retrancas. A Dorna rescata xogos tradicionais e forxa outros a través do imaxinario e actualidade municipais. A Dorna é quen de integrar e darlle visibilidade a colectivos en auxe como motoristas -saúdo para Os Reventapistóns- ou rapeiros -saúdo para os galos do Pedra Pateira-, que non dubidan en aportar as súas dotes sumándose a esta cita. A Dorna pon en contacto a maiores e pequenos que traballan e aprenden xuntos oficios como a carpintería. A Dorna é unha pandeireta capaz de espertar amenceres. A Dorna é a miña, a vosa e a nosa patria.