«Os nenos responden moi ben, é unha tarefa moi reconfortante»

Paula Riveiro / A. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Colabora dando clases de apoio a rapaces de primaria e da ESO durante as vacacións

24 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa chegada do verán e o final das clases en institutos e universidades, son moitos os mozos que buscan ocupar o seu tempo libre con algunha actividade. Este é o caso de Raquel Rodríguez, que tras rematar os seus estudos de grao na Universidade de Santiago de Compostela decidiu facerse voluntaria da Cruz Vermella para ocupar as súas horas de lecer durante as vacacións de verán e, á vez, colaborar cunha organización humanitaria que leva décadas axudando aos demais.

«Entrei na súa páxina web e vin que tiñan oficina en Boiro, intereseime e fun preguntar», recoñece. Nunca antes exercera como voluntaria, pero cando se lle presentou a posibilidade non o dubidou. Clases de apoio para escolares ou talleres de memoria para maiores. A cantidade de actividades que se poden levar a cabo á hora de colaborar coa asociación é inmensa, polo que as opcións se adaptan aos gustos e necesidades de cada persoa.

Tendo en conta os seus intereses, a Raquel recomendáronlle aquelas opcións que máis se adaptaban ao seu perfil de entre o amplo abano de alternativas. Rematou os seus estudos de Pedagoxía este ano e é por iso se decantou polo apoio escolar a nenos. Dous días á semana, luns e mércores, axuda a rapaces de primaria e secundaria con actividades de reforzo durante o período non lectivo.

Facerse voluntario é moi sinxelo. Tras firmar un formulario para verificar que se cumpren todos os requisitos necesarios, hai que informarse ben, xa que o compromiso trae consigo certo grao de responsabilidade. Para iso hai que ler un manual que inclúe os principios fundamentais da organización que se deben saber e facer unha proba, unha especie de exame vía on-line, para o que hai que rexistrarse na páxina web da Cruz Vermella. Unha vez superada, é o momento de incorporase a unha actividade en concreto para comezar. «A min déronme a posibilidade de probar antes dos exames na universidade, gustoume e decidín incorporarme agora no verán», comenta Raquel Rodríguez.

Período de proba

Durante ese achegamento inicial estivo en Rianxo, pero como era o primeiro ano que se levaban a cabo estas aulas de apoio, non tiveron continuidade durante o verán. É por iso que agora desenvolve o mesmo traballo no municipio de Boiro, unha iniciativa que se realiza grazas á axuda da propia Administración boirense. «Algúns nenos traen os seus deberes e a outros dámoslles aquí fichas para facer», afirma.

Non só chamou a súa atención a facilidade para facerse voluntaria ou a variedade de actividades que se poden realizar. Tamén as opcións que hai para continuar nun futuro. Agora mesmo está colaborando coa oficina que hai en Boiro, pero existen moitas repartidas por toda a xeografía e podería ir a calquera outra que quixera. «Se ao rematar as vacacións quero seguir e estou, por exemplo, en Santiago, podo trasladarme a alí», comenta Rodríguez. É por iso que de cara ao remate do verán non descarta continuar con este labor, aínda que sexa noutro lugar.

Polo momento leva pouco tempo colaborando, pero o suficiente como para atopar gratificación no traballo que está a realizar. «Os nenos responden moi ben, é unha tarefa moi reconfortante», afirma Raquel Rodríguez.

Porque o voluntariado é algo recíproco, no que en moitas ocasións se recibe algo máis do que se aporta. É por iso que esta moza non dubida en recomendarllo a calquera que lle pregunta pola experiencia que ela está a vivir neste momento.

Diversidade de actividades. De entre todas as opcións que se ofrecen, optou polas clases de apoio a escolares, xa que era a que máis se adaptaba ás súas preferencias e intereses.

Facerse voluntario. Basta con achegarse á oficina máis próxima ou visitar a páxina web da Cruz Vermella. Tras cubrir un formulario, hai que ler un manual de formación básica para facer unha pequena proba vía on-line.