As plumas de Rianxo saltaron a escena

La Voz

BARBANZA

cedida

Tralas intervencións de Axeitos e Ricardo Losada, hoxe collen o relevo Miro Villar e Xosé Manuel Lobato

23 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Praza Castelao (Rianxo) • De 12.00 a 14.00 e de 18.30 a 22.30 horas • Aínda que a Feira do Libro de Rianxo, coma o resto de iniciativas deste tipo que teñen lugar en Galicia, está promovida pola Federación de Libreiros de Galicia, e conta polo tanto coa presenza de escritores chegados de diferentes puntos da comunidade, no berce de Castelao, como terra de boas plumas que é, tentouse darlle protagonismo aos autores da terra. O venres pola noite, Xosé Luís Axeitos presentou Unha vida en rebeldía, unha obra editada por Xerais e considerada a biografía máis completa sobre Manuel Antonio. Onte foi outro rianxeiro, Xosé Ricardo Losada, o que colleu o relevo para volver a reencontrarse co seu público máis fiel ao redor de Bótame deste mar fóra, a que constitúe a súa primeira novela e que tamén veu a luz da man de Xerais.

O escritor xa elixira a vila de Rianxo, na que está ambientada a historia, para a estrea do libro, que tivo lugar hai un mes. Aínda así, foron moitos os que onte se deron cita no salón de plenos da casa consistorial para charlar de novo co escritor.

O venres xa foran un grupo de nenos da localidade os que xogaran un papel destacado na Feira do Libro. Os cativos que participaran no obradoiro de urbanismo A vila do mañá recibiron exemplares do libro que se editou.

As últimas citas

E tamén haberá rianxeiros na última xornada da feira. Xosé Manuel Lobato, escritor e profesor do instituto Félix Muriel da localidade, presentará xunto con Miro Villar o libro Pico Sacro. Ferido polo lóstrego e a lenda. Eles intervirán como editores, aínda que tamén está prevista a asistencia de varios dos autores da obra no acto que arrancará ás 13.00 horas.

As nove casetas que integran a Feira do Libro xa abrirán as súas portas ao mediodía, que será cando Títeres Cascanueces represente Un diaño na maleta. Pola tarde, as actividades da festa da palabra na que estivo mergullada a vila concluirán cun obradoiro de caligrafía chinesa.