A Compañía volve aos seus inicios

carmen fernández / M. X. B. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Celebrará os seus 15 anos sobre os escenarios cun reencontro da banda orixinal

22 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os comezos adoitan ser complicados. Hai que buscar e atopar o elemento adecuado, saber darlle forma e non ter medo ao futuro. Ás veces, canto menos pensas nel é cando mellor saen as cousas. Coma exemplo disto podemos atopar ao grupo ribeirense A Compañía do Ruído. Un día, alá polo 2002, decidiron unirse para facer música xuntos, e dende aquela van xa 15 anos. «Tiñamos unha idea, unha cousa bonita que queríamos facer e ilusión. Non tiñamos en mente durar tanto tempo, nin queremos mirar máis alá. De momento celebrar estes 15 anos», explica Suso Bello, guitarrista e cantante da banda e un dos seus fundadores.

Estes anos deron para moito. Dende ir incorporando caras novas ao grupo a publicar seis discos. Da compañía orixinal só quedan Suso Bello e Sabela Olivares. O que non variou foi o estilo característico. «A mestura de ritmos musicais, a variedade musical e a retranca e o escarnio como fío condutor seguen presentes a día de hoxe», afirma Suso Bello. Co tempo, uns foron abandonando o barco por diversos motivos, e outros ían subindo a el. Sen embargo, para o concerto que van a dar mañá no marco da Festa da Dorna, haberá sorpresa: o grupo contará de novo cos membros fundadores da Compañía do Ruído. «Reuniremos a banda orixinal para que fagan unha horiña de concerto con nós», comenta Bello. Pero non se quedan aí as novidades: «Vamos a facer un repertorio das cancións máis clásicas e tamén vamos a ter invitados. Por exemplo Fran Regueira, de Pan de Leña, e Tresu, de 8 Ferrados», apunta Suso Bello.

E que a xira que conmemora os 15 anos de historia da banda xa arrancou a comezos deste 2017 pero Ribeira e a Festa da Dorna son un escenario inigualable para eles. «É unha festa especial porque hai bastante tempo que non tocamos aquí. Ademais, dános a oportunidade de xuntarnos todos de novo, xa que por temas de traballo non podemos vernos moito nin facer xuntanzas deste tipo», conta Bello. A meirande parte dos concertos que teñen serán en Galicia, pero tamén tocarán en Extremadura e en Euskadi.

Novo proxecto

Este ano non só inauguraron a xira de concertos para celebrar estes tres lustros de vida, senón que tamén puxeron en marcha un novo proxecto. «Chámase 12 meses, 12 punchis. Cada mes compoñemos un tema, o gravamos en estudio e facemos o videoclip. Despois cólganse en YouTube, na páxina da Compañía do Ruído e en redes sociais coma Facebook e Twitter», explica Suso Bello. Este proxecto inclúe un tema dedicado á Festa da Dorna, concretamente o de xuño: «Agora, a finais de xullo, presentaremos o tema deste mes. O concerto tamén servirá para dar a coñecer este proxecto da banda». A raíz deste traballo, a formación publicará o seu sétimo disco, pero antes aínda ten que rematar o ano: «Primeiro temos que facer os doce temas. E despois para o ano xa veremos de editar o disco, sacalo para descargas ou o que sexa», comenta Suso Bello.

Pero por agora, o que está máis preto é o concerto de mañá. O guitarrista e vocalista ten xa as súas expectativas feitas: «Agardo unha unión da banda e do público ao rememorar a historia da compañía. A nivel Galicia, ao colocar o cartel nas redes sociais co detalle de que vai estar presente a banda orixinal estame chamando moita xente dicíndome que non poden vir e que lles da pena, e outros moitos que si veñen e chegan de outras partes como Padrón, Vigo e Ourense».

Volver a casa sempre é algo especial, e se ao regresar o fas acompañado da túa xente é mellor aínda. Ou iso opina Suso Bello, que agarda que o reencontro e o concerto sirvan para rememorar o mellor destes 15 anos de traxectoria no escenario.