Xabier Triñáns: Imaxes que buscan a beleza no cotiá

Paula Riveiro / A. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

DANI GESTOSO

Nove fotografías compoñen a exposición que se pode ver no centro social de Boiro

19 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitas veces, o máis esencial é invisible aos ollos. Son moitas as estampas da vida cotiá que nos perdemos por non prestar atención ao que nos rodea. Mostrar a beleza desas pequenas cousas do día a día é o cometido das nove imaxes que Xabier Triñáns seleccionou para a mostra que se pode ver estes días no centro social de Boiro. A exhibición, que leva por título Buscando la belleza en lo cotidiano, permanecerá ata o 28 de xullo.

O seu interese pola fotografía vén dende fai anos, cando lle regalaron a súa primeira cámara e comezou a mercar algúns libros para aprender máis do ámbito da imaxe. Cando cumpriu os 16 quixo matricularse en fotografía en Santiago: «Quedei sen praza e non o volvín intentar», recoñece Triñáns. Despois diso entrou na universidade e licenciouse en Administración e Dirección de Empresas, polo que nunca se dedicou á fotografía de maneira profesional.

Na actualidade traballa como mensaxeiro, pero nunca deixou de lado as súas dúas grandes paixóns: a fotografía e a pintura. Durante a súa época universitaria xa debuxaba algunhas pezas en acuarela para os amigos e compañeiros que llas pedían. «Merquei unha cámara mellor e foi aí cando quixen facer algo máis profesional», afirma. Fai tres anos que abriu unha conta persoal en Instagram, onde publica a beleza dos pequenos momentos da súa vida cotiá en forma de imaxes.

Aínda que facía tempo que tiña a idea en mente, nunca antes mostrara a súa obra nunha sala de exposicións. Foi a raíz dun accidente de coche cando decidiu que ía facer algo no que xa viña matinando, pero nunca antes dera o paso. «Fíxome reflexionar e lanzarme a facer algo que levaba moito tempo pensando», afirma Triñáns. A obra está firmada co pseudónimo de Tony Garzya que, como ben explica, é o seu alter ego, esa persoa que sempre levou dentro a súa faceta máis artística.

As súas dúas paixóns

Non solo na fotografía inviste o seu tempo de lecer, senón que tamén hai sitio para a pintura. Se tivera que decantarse por unha das dúas non sería capaz, xa que para el están relacionadas. Cando ten unha idea dun cadro, o primeiro que fai é fotografar a escena e despois traspásaa ao lenzo. «Cando pensei nesta exposición quería ter a versión en acuarela das imaxes, pero por falta de tempo non o puiden facer», comenta. Porque a pintura require unhas horas de traballo que non lle pode dedicar debido á súa profesión. Agarda que nun futuro poida converter este soño tamén realidade.

A exhibición está dividida en dúas partes, por un lado as fotografías de paisaxes e, por outro, as imaxes nas que saen persoas. Todas elas están á venda, de feito «hai algunhas que xa mas pediron». Pero non só esas, tamén todas as outras que ten realizadas e tiveron que quedar fora.

A imaxe do cartel

De todas, a súa preferida é a que conforma o cartel da exhibición. Unha imaxe tomada no paseo da praia de Barraña de Boiro na que se ve un pequeno río, as árbores e unha figura feminina nunha ponte. Tamén unha tomada en Bexo, dunha señora maior que levaba uns fouciños pendurados nas costas. «Gustoume a escena e fun tras dela pola aldea para sacarlle a foto», comenta Triñáns. Porque todas as imaxes traen consigo unha historia, pretenden transmitir esa beleza que atopamos nos pequenos momentos. «Moitas veces temos que ir a Instagram para ver algo que temos a 15 metros da casa», comenta Xabier Triñáns.