Francisco González: O novo turismo de natureza e historia

Carmen Fernández / A. G. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

DANI GESTOSO

Rianxo estrea catro rutas que permiten coñecer o municipio en profundidade

18 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Co paso do tempo, o turismo vai collendo máis forza e importancia na economía da zona do Barbanza. Sen embargo, ata agora o predominante era o modelo de praia e do sol. Pero como Galicia é moi traizoeira con respecto ao tempo, non é bo centrarse só neste aspecto. Hai moitas zonas da comarca aínda inexploradas e pouco coñecidas, diamantes en bruto que están á espera de ser descubertos e observados. Xa non só paraxes naturais, senón tamén museos e lugares con historia propia.

Nalgunhas localidades xa hai iniciativas que engaden aos seus itinerarios turísticos visitas a enclaves que antes estaban totalmente esquecidos. Un dos casos é o de Ribeira. Hai xa uns catro anos que o Concello comezou a traballar para facer dos seus emprazamentos naturais outro recurso turístico. No municipio veciño de A Pobra apostaron máis polo ámbito cultural e literario, con Valle-Inclán coma figura protagonista. Outros, como Muros, queren ir descubrindo pouco a pouco aos visitantes os segredos que agochan os recunchos do seu casco histórico. Un dos últimos en optar por este modelo de turismo é o de Rianxo, onde fai tres semanas comezaba a andar o seu proxecto.

Enfócase nas visitas guiadas, que teñen o seu obxectivo marcado: «Ver os paraxes naturais e históricos máis relevantes de Rianxo, para que esperten interese e dar a coñecer o municipio», comenta Francisco González Sóñora, un dos encargados de guiar aos visitantes nos percorridos. A iniciativa naceu no departamento de Turismo municipal.

O abano de posibilidades é bastante amplo: hai catro itinerarios que se poden realizar, dependendo dos gustos ou do tempo faga. «Cando hai moita calor, o ideal é visitar o roteiro do río Te, porque está máis cuberto pola sombra e o paseo faise máis ameno» explica González Sóñora.

O casco vello

As rutas que se percorren están na súa maioría situadas nos arredores do municipio, agás unha: a que percorre o centro da vila. «Esta visita pasa polo casco antigo, pola zona da fachada marítima, polas casas dos escritores rianxeiros e polas esculturas dedicadas a eles, todo relacionado coa historia e cos antepasados ilustres de Rianxo», indica Francisco González.

O percorrido arqueolóxico é unha mestura, xa que o seu itinerario conta con visitas a numerosos petróglifos e aos castros de Rianxiño. O roteiro das 13 cruces é, xunto ao do río Te, un dos que ten como protagonistas indiscutible os paraxes naturais. «O punto de partida é Quintáns e remata na punta das 13 cruces, situado ao carón do río Ulla», comenta González Sóñora.

Agás a visita á vila, que se leva a cabo durante toda a semana, dende as 20.00 horas, o resto das rutas realízanse nas xornadas festivas e as fins de semana. Para participar en calquera delas «o mellor é reservar previamente. Outra forma é acudir ás 11.00, en fin de semana, ou ás 20.00 horas, durante a semana, no Museo do Mar», sinalaba Francisco González.

O guía explica que a meirande parte dos visitantes son galegos ou españois, pero as visitas tamén están abertas a turistas estranxeiros. A pesar do pouco tempo que levan en marcha estas rutas, xa hai algunhas que van gañando adeptos. «A vila gusta moito, pero tamén a ruta arqueolóxica polo feito de poder visitar os petróglifos e os castros», explicaba González. Ata setembro poderase gozar destes itinerarios, a partir de aí, depende: «Pode que se sigan realizando como ata agora ou pode que non. Isto dependerá do que aconteza no que queda de verán e da acollida que teñan», comentaba Francisco González.

A iniciativa está xa en marcha, só queda agardar ao final do verán para ver os resultados.

Promoción. As rutas danse a coñecer a través da páxina web do Concello en las dependencias municipais.

Museos. Entre os lugares de interese figuran a Casa Museo de Manuel Antonio, o Museo do Mar de Rianxo e a Aula Activa do Mar, abertos todo o ano».