Jesús Busto: «Con convenio ou sen el, a fundación atende a todas as familias necesitadas»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A axuda da entidade chega cada mes a unhas oitenta vivendas da comarca

27 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Amigos de Galicia vén de ampliar a súa presenza en Barbanza trala sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Porto do Son. O director e fundador da entidade, Jesús Busto, debullou en Radio Voz cales son os retos máis inmediatos, entre os que se atopa reforzar a entrega de alimentos por mor do peche dos comedores escolares.

-Enténdese que este servizo ten que ser reforzado tódolos veráns...

-Si, temos que prestarlle unha importancia especial aos nenos debido ao peche dos comedores. O máis importante é o leite, a froita e outros alimentos perecedoiros.

-¿Cantas familias reciben axuda en Barbanza?

-Temos convenio de colaboración cos concellos de Rianxo, Ribeira e vimos de firmar con Porto do Son. Tamén atendemos familias no resto dos municipios; con convenio ou sen el, a fundación atende a esas persoas que están pasando por unha situación grave. Máis ou menos, atendemos preto de oitenta familias mensualmente.

-¿Pode dicirse que están alí onde son reclamados?

-Efectivamente, porque se tes unha familia que está atravesando unha situación difícil, que ten nenos e por circunstancias varias non se dá resolto o problema, a fundación está presente aínda que non exista convenio.

-¿Vai en aumento este número de familias necesitadas?

-Claro. Por exemplo, en Porto do Son estabamos atendendo dúas familias antes da sinatura do convenio, un número que se vai ver incrementado. Cada vez son máis as persoas e máis os recursos que precisamos.

-¿Como chega a Fundación Amigos de Galicia a esas familias?

-Onde hai convenio son os departamentos de Servizos Sociais os que nos notifican a situación desas familias. Tamén hai persoas que se dirixen a nós directamente. Unha cuestión importante é que ás veces son os veciños os que nos chaman. Entón nós poñémonos en marcha rapidamente para comprobar a situación e case sempre é a que nos relataron. Ás veces son os colexios os que nos alertan.

-¿Cústalles ás persoas admitir a situación na que están?

-Pois si, hai unha pobreza que avergoña, aínda que nos casos dos nenos é fácil de detectar por parte dos colexios. Un neno precisa que se lle cubran as necesidades básicas. A primeira é a alimentación, pero hai outras. Se un neno se cría con carencias, poden vir moitos problemas detrás, incluso de delincuencia.

-Falaba antes da necesidade que teñen de leite, ¿que outros produtos precisan?

-Carne e peixe. Temos a fortuna de que hai catro empresas da comarca que nos facilitan diferentes especies pesqueiras e fan moi viable que teñamos produtos sen precisar mercalos.

-Á hora de conseguir outros produtos frescos igual de necesarios, ¿a que porta chama a asociación?

-O Ministerio de Agricultura ten unhas partidas a nivel nacional de froita e a cantidade que nos chega pode dicirse que cubre as necesidades que temos. O que nos faltan son as hortalizas e algún tipo de froita, como por exemplo os plátanos. Temos diferentes empresas que, mediante achegas de xeito periódico ou puntual, nos van enchendo estes ocos.

-¿Poden os veciños que o desexen achegar o seu grao de area de forma individual?

-Si, poden colaborar de dúas formas: informándonos de casos que detecten que precisen da nosa axuda, algo fundamental para que a fundación se poña en marcha, e colaborando da maneira que cada un considere oportuna. Ten aparecido algún veciño cun cargamento de mazás da súa finca e nós agradecemos toda a axuda e dámoslle o destino axeitado.

-¿Pode dicirse entón que a resposta dos cidadáns é positiva?

-Si, pero inflúen diferentes factores. O máis importante é se nós temos posibilidades de estar presentes neses lugares. Por exemplo, estivemos en Pontevedra coa colaboración do Concello e recolléronse 5.000 litros de leite. A implicación de concellos e entidades, así como a promoción, son fundamentais.

-¿Teñen en marcha algunha outra liña de actuación para axudar ás persoas necesitadas?

-Contamos cuns boletíns de emprego e estamos facendo estudos de inserción laboral para ver que posibilidades hai para esas persoas. Hai quen ten moi complicado optar a un posto de traballo. Aquí en Barbanza temos levado a cabo cursos do sector das conservas para tratar de facilitarlles ese duro camiño. No último, participaron máis de vinte alumnos.