As vendas empezan a remontar o voo

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

Un amplo abano de estreas e descontos do 10 % animan a terceira edición do mercado de Ribeira

25 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Praza do Concello de Ribeira • De 12.00 a 14.00 e entre as 18.30 e as 22.30 horas • Vén de pasar un período crítico o sector de libreiros de Galicia, que levou incluso a moitos negocios, algúns históricos, a pechar, pero ao fin semella que a venda de libros empeza por fin a remontar. Así o sinalaron onte algúns dos profesionais que teñen este fin de semana instalados os seus postos na Praza do Concello de Ribeira, co gallo da terceira edición da Feira do Libro da cidade.

«Achégase xente e hai transaccións, coa particularidade de que, se en anos pasados boa parte dos veciños se ían cun libro ou dous, nesta ocasión collen lotes», manifestaba con ledicia Xosé Antón Pedreira, o vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia que ten un posto na cidade ribeirense.

Son varios os factores que, segundo o sector, están a influír nos bos resultados que se están a rexistrar. Por unha banda, a elevada demanda que xera a literatura infantil e xuvenil e, por outra, a confluencia nestes intres de varias estreas de peso. Pedreira citou desde A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello, ata a última novela de Isabel Allende, pasando por Dolores Redondo e o seu Premio Planeta. Engadiu que estes autores están a ser dos máis demandados polos ribeirenses.

Última xornada

A Feira do Libro chegará hoxe ao seu fin, pero os veciños teñen todo o día para percorrer os nove postos que integran nesta ocasión o mercado literario, entre os que se atopa unha firma da Pobra, Ler. Como vén ocorrendo desde o arranque da experiencia, desenvolverase de xeito paralelo un programa de actividades que hoxe concederá especial protagonismo aos nenos. Ás 12.30 horas recibirán a visita de Aurora López, que os entreterá con Disfrazando personaxes de contos.

Ao longo da tarde, haberá tamén actividades de animación á lectura da man da Deputación. E unha lectura dramatizada de Neira Vilas, a cargo de Palabras Vivas, poñerá o peche.