«Estou a piques de rematar o meu mellor libro, a biografía de Manuel Antonio»

a. novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O rianxeiro Xosé Ricardo Losada ven de sacar á luz a súa primeira novela, «Bótame deste mar fóra»

24 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten publicado un libro de relatos filosóficos e tres volumes relacionados con Faustino Rey Romero, un da súa obra completa, outro do premio literario que leva o seu nome e unha biografía editada por Xerais. Con esa experiencia nas costas, o rianxeiro Xosé Ricardo Losada ven de atreverse cunha novela, Bótame deste mar fóra. O autor situouse diante dos micrófonos de Radio Voz para desvelar algúns dos detalles deste libro.

-¿Como nace o seu interese pola escrita?

-É un interese tardío, a consecuencia de que son un gran lector. Sigo gozando máis a lectura que a escrita, pero unha cousa levou á outra. Agora a escrita é unha actividade que me enche plenamente.

-¿Cal é o xerme desta Bótame deste mar fóra?

-É unha novela que comecei a escribir hai dez anos dunha forma curiosa, porque non tiña intención de publicala. Eu son un escritor de vocación tardía e foi como unha idea para empezar a escribir, como un taller literario para demostrarme a min mesmo que era capaz de crear unha novela. Ese foi o reto. Estiven dous anos traballando nela, logo deixeina ao longo dun lustro e hai un par de anos decidín recuperala. Agora volvo a estar satisfeito, penso que é unha novela digna.

-Unha proba superada entón...

-Foi primeiro unha aprendizaxe, porque eu non sabía escribir narrativa. Son mestre de Filosofía e as miñas lecturas eran de carácter filosófico. O mundo da filosofía é abstracto e conceptual. Necesitaba coller experiencia narrativa.

-¿Que vai atopar o lector nesa novela?

-Tomei unha decisión obvia, xa que era un proceso de aprendizaxe non quería complicarme moito. Quería facer unha historia ambientada nun lugar sobre o que non tivera que investigar, por iso elixín Rianxo, e un tema que dominara, polo que escollín o amor. É unha historia de amor entre un catedrático que escapa da Coruña por razóns inconfesables, ven traballar ao instituto de Rianxo, namórase dunha muller de fortes raíces mariñeiras e, a partir de aí, empezan a contrastarse dous mundos diferentes: intelectual co dunha muller vinculada ao mar. Van confluíndo os dous pasados desas persoas.

-Pode dicirse que leva a novela a un terreo de sobra coñecido...

-Si, esa foi a idea. Quería centrarme na escrita e non quería que houbera interferencias. Creo que os personaxes, Alberte e Helena, son moi complexos desde o punto de vista psicolóxico. Son eles os que van marcando a liña da historia. Lograr que vaian evolucionando é complexo.

-¿Como construíu a Alberte e a Helena?

-Empecei por un perfil, que foi avanzando. Está claro que hai factores autobiográficos. Iso non quere dicir que Alberte sexa eu, evidentemente que non, pero si que ten moitas cousas miñas, pero tamén as ten Helena. Como hai moitas situacións que eu vivín en Rianxo. Agora, en principio, non é unha novela autobiográfica. Tamén, detrás hai moitas lecturas, e iso condiciona. Na raíz profunda da novela hai unha conversa que eu tiven hai moitísimos anos cunha rianxeira, da que non vou dicir o nome, pero á que lle dedico o libro, na que me contou cousas de Rianxo e situacións familiares que eu nunca pensei que podían acontecer aquí. Todas esas experiencias van confluíndo nos dous personaxes.

-¿Cando escolleu o título, ao principio ou ao final?

-O título é bastante máis problemático do que parece. Estiven ata o final con moitísimas dúbidas, porque quería un título máis curto e menos poético. Acabouse impoñendo este porque me parecía o máis exacto, é o verso dunha copla.

-¿Foi xa consciente de algunha reacción por parte dos lectores?

-Os coñecidos sempre teñen unha visión positiva da novela e ese é un problema ata certo punto. Partindo dese presuposto, e fiándome do meu olfacto psicolóxico, penso que, en xeral gusta. É unha novela que, aínda que sucede nun Rianxo tranquilo, atrapa, porque conseguín darlle a dose de intriga e de suspense necesaria.

-¿Hai xa algún libro en marcha?

-Levo traballando moito nos últimos dez anos. Esta novela estaba abandonada e hai un tempo leuna Antón Riveiro Coello, que para min é un referente literario. Gustoulle e animoume a publicala. Teño un libro que vai saír da man de Xerais, espero que o ano que ven. É un volume de relatos filosóficos humorísticos, un xénero que me gusta moito. Estou a piques de rematar o meu mellor libro, a biografía de Manuel Antonio.