Desembarco de premiados

La Voz

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Os gañadores das catro edicións do certame de novela curta de Ribeira estarán na cidade

24 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Malecón de Ribeira • 20.00 horas • Intensa se presenta a xornada de hoxe na Feira do Libro de Ribeira. O acto destacado é o encontro que manterán os gañadores das catro edicións que se levan celebrado do Concurso Internacional de Novela Curta Cidade Centenaria. Trátase de Goretti Fariña, David Pobra, Amadeo Cobas e Antonio Tizón, que foi o vencedor deste ano coa obra Un home extraño. O debate que manterán ao redor de Os premios literarios, chave da porta da literatura, estará coordinado pola profesora Pilar Ponte Patiño.

As outras dúas propostas que figuran no cartel de hoxe están dirixidas ao máis pequenos. Ás 12.00, na biblioteca da cidade, os cativos terán ocasión de mergullarse nos diversos volumes alí expostos e ás 19.00 horas, a compañía Cascanueces representará na Praza do Concello A barriga verde.

Na recta final da xornada inaugural do xoves, despois de que se suspendera a participación de Moncho Borrajo, foi o escritor local José Vicente Domínguez o que acaparou a atención do público. Despois de estar un tempo no expositor da libraría pobrense Ler, asinando exemplares, falou da súa última novela, Por mucho que ahora me quieren, un libro que se resiste a encaixar nun estilo determinado, pero do que si comentou que ten unha elevada dose de suspense e de intriga, que o poden situar entre o thriller e a novela negra.