Alegación a prol da literatura desde Ribeira

La Voz

BARBANZA

carmela queijeiro

A defensa do papel e a reivindicación da lectura como acción de liberación marcaron o arranque da festa da palabra

23 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A imaxe de cinco globos, as cinco laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, levando ata o ceo unha mensaxe con información sobre a Feira do Libro de Ribeira xunto con versos de Carlos Casares, o escritor que este ano foi homenaxeado polo Día das Letras Galegas, foi o punto de partida da historia que se escribirá desde a Praza do Concello de Santa Uxía ata o domingo. Serafín Marcos foi o que se encargou da solta, mentres recitaba con forza as verbas do autor ourensán.

Reivindicando o valor da palabra dáballe o artista de Noia a saída ao que pretende ser un escaparate literario que faga especial fincapé nas obras en galego. Serafín Marcos referíase á literatura coma un acto de amor e de liberdade: «O escritor atrapa as emocións e as reflexións, para que o lector as libere despois». Non se foi de Ribeira sen deixar uns versos do noiés Antón Avilés de Taramancos: «Apropieime dun libro seu no 2003 e, desde entón, sempre que podo, destrúo unha folla e substitúoa por outra igual escrita por min para que algún día o libro enteiro sexa meu».

Serafín Marcos non foi o único que fixo unha alegación a prol da literatura e da lectura no arranque da feira. Tamén a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez, destacou o valor da escrita: «Crear personaxes, mergullarnos na historia, fuxir do mundo cara un espazo infindo... todo iso e moito máis é posible grazas aos libros».

Nos mesmos termos se manifestou Goretti Sanmartín, a vicepresidenta da Deputación coruñesa, que puxo de relevo a importancia de feiras como a de Ribeira nos malos tempos que corren para a literatura: «Para que o libro resista teñen que existir este tipo de escaparates, fundamentais nunha época de descenso claro de publicacións, sobre todo en galego».

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o rexedor local, Manuel Ruiz, desexaron longa vida para a Feira do Libro de Ribeira e para os libros en papel. O alcalde aproveitou para pedirlle aos libreiros locais que se sumen a esta iniciativa.

Visita de Anxo Moure

As nove casetas que conforman a Feira do Libro de Ribeira, entre as que se atopa o espazo ocupado polo negocio pobrense Ler, estarán de novo operativas hoxe, entre as 12.00 e as 14.00 hora, e tamén de 18.30 a 22.30. Está previsto que Anxo Moure desembarque ás 19.00 coa súa Ciclobiblioteca, un espectáculo dirixido ao público infantil. Unha hora despois, Ruth Villar presentará o seu libro de fotografías Mar de redes.

De cara á xornada de mañá, foi cancelada a visita de María Reimóndez, que tiña previsto estar en Santa Uxía coa súa última obra, titulada Corredora.