«O libro en papel seguirá sempre»

A. Novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Asegura que o formato electrónico non está a ter o tirón previsto inicialmente

22 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O artista noiés Serafín Marcos daralle hoxe a saída á Feira do Libro de Ribeira, unha iniciativa que se prolongará ata a noite do domingo. Ao longo da fin de semana, a Praza do Concello será un gran escaparate literario. Ademais de exposición e venta de libros, varios escritores visitarán o corazón da cidade ribeirense para encontrarse cos lectores. O vicepresidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xosé Antón Pedreira, analizou en Radio Voz a situación do sector e debullou os detalles da feira.

-A Feira do Libro de Ribeira chega á súa terceira edición, ¿pode dicirse que se trata dunha cita consolidada?

-Eu estou convencido de que é así. De feito, este ano hai un incremento de dous expositores e iso, despois de tres anos, ven a dicir que é unha feira que está consolidada e que esperta interese. Esperemos que a xente de Ribeira tamén a vexa necesaria e todos xuntos fagamos que a feira perdure.

-¿Cal é o obxectivo da feira, achegar os libros a aqueles que non son asiduos das librarías?

-Levamos moitos anos saíndo cos libros á rúa porque cremos que é fundamental para o fomento da lectura. Ás veces hai certo público ao que lle custa achegarse ás librarías. A feira é unha boa ocasión para que os veciños se acheguen ao amplo abano de títulos que están saíndo tanto en galego como en castelán.

-¿Como foi o resultado das dúas edicións anteriores?

-Se volvemos a Ribeira é porque o resultado foi bo. A cita esperta interese, polo menos por parte das librarías. O que falta agora é que a xente responda igual que nas edicións anteriores.

-Son nove as librarías que se dan cita nesta terceira Feira do Libro, ¿cal é a súa procedencia?

-É moi diversa. Temos librarías de Santiago, Vigo, Burela e Redondela. Incluso están a editorial Planeta e a Deputación da Coruña. Tamén unha firma barbancesa, a pobrense Ler.

-¿Botan en falla a presenza dun negocio local?

-O problema das librarías é que están pechando. Para nós si que sería importante que polo menos unha libraría de Ribeira estivera presente na Feira do Libro. Xa llo expuxemos ao alcalde e a concelleira de Cultura, que recolleron o testemuño e se comprometeron a tratar de que así sexa de cara ao ano que ven.

-Ademais de descontos do 10 % nos libros, a feira inclúe un amplo abano de actividades, ¿cales destacaría?

-Pois imos empezar xa coas Paisaxes de Carlos Casares, a cargo de Serafín Marcos, que tamén vai dar o pregón. Unha das ansias que temos sempre é a de achegarnos ao público infantil e xuvenil, polo que tódolos días haberá algunha iniciativa dedicada a estes colectivos, desde Fátima Fernández ata Anxo Moure. Temos o sábado un acto moi importante, no que van participar os gañadores do certame de novela de Ribeira. E ese día tamén imos ter unha das escritoras máis recoñecidas a nivel galego, María Reimóndez. É un programa moi completo.

-¿Como se atopa nestes intres o sector, cal é a tendencia?

-Está habendo un certo repunte e iso vese nas feiras que levamos feito ata o de agora.

-¿Cal é o público ao que máis lles custa chegar?

-Aos homes dun perfil de idades entre 40 e 60 anos. As mulleres len máis e o público infantil e xuvenil, tamén.

-¿Van entón dirixidos a ese colectivo os esforzos?

-Nós imos a polo público en xeral, pero o primordial son os nenos e os mozos, que constitúen os lectores do futuro. Hai que dicir que, de sempre, as mulleres foron máis lectoras que os homes. Cambiar a tendencia vai ser complicado.

-¿Cales son os libros máis demandados?

-A narrativa segue a ser a preferida. Este ano véndese moita novela negra e de suspense.

-E a incidencia do libro electrónico, ¿está a ser a esperada?

-Temos claro que ámbalas dúas plataformas teñen que convivir, pero ao libro electrónico estalle a custar saír. Está estancado e non se cumpriron as expectativas que se fixaran nun principio. A nós iso vennos ven, xa que nos dá máis marxe para adaptarnos. O libro en papel seguirá sempre. Non ten nada que ver.

-¿Cales son as súas recomendacións para este verán?

-Hai libros moi interesantes nestes intres. Sen ir máis lonxe, o que presentará María Reimóndez o sábado en Ribeira, Corredora. Está vinculado en principio ao eido xuvenil, pero é válido para todas as idades. Temos tamén O códice esmeralda, de Alberto Blanco, que vai sobre a batalla de Rande. No eido da novela negra podo recomendar Blues para Moraima, de Miguel Anxo Fernández. Tamén está gustando Os nenos da varíola, de María Solar. En castelán habería, por exemplo, o último de Isabel Allende, Más allá del invierno.