«Escribo para que a xente me lea»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

carmela queijeiro

Vén de culminar a súa duodécima obra, «Por mucho que ahora me quieren»

21 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Empezou a escribir tarde, polo menos no que a crear con fins editoriais se refire, pero José Vicente Domínguez non perdeu o tempo. Desde o lanzamento da súa primeira novela, alá polo 2003, ata a actualidade, leva publicados 11 títulos, entre os que se atopa un libro de relatos. Agora trata de sorprender aos lectores con Por mucho que ahora me quieren, unha obra que presentará mañá na Feira do Libro de Ribeira, ás 21.30 horas. Previamente, o autor achegarase ao posto da libraría Ler para asinar exemplares e charlar cos lectores.

-¿Como é ese libro que mañá será presentado na Feira do Libro?

- É unha novela densa, de preto de 400 páxinas. O argumento xira ao redor dunha rapaza que busca as súas orixes. Descoñece quen eran os seus pais e, na procura deles, atópase con todo tipo de situacións, entre elas, drogas e prostitución. A trama transcorre entre a cidade da Coruña e Santa Cristina de Oleiros, e ten un desenlace dramático. Realmente, non sei como catalogar o libro, non me gusta moito cualificar os libros, pero hai quen di que se trata dun thriller e penso que podería ser, pola elevada dose de suspense que contén. Tamén ten algo de novela negra.

-¿Como xorde a idea?

-Estamos mergullados nunha sociedade na que hai unha gran preocupación polo problema dos malos tratos. É un tema recorrente, que incluso semella que cansa, aínda que eu espero que canse para que desapareza. Nesta novela os malos tratos pode dicirse que son subxectivos. Trátase máis ben dunha sensación de desprotección, pois os malos tratos que sofre a protagonista veñen por descoñecer as súas orixes.

-Xa ten unha ducia de obras publicadas, ¿como foron os comezos?

-Recoñezo que tiven un empurrón que me axudou moito. Eu tiven amizade con Valentín Paz Andrade e nunha ocasión pediume que colaborara con el na súa revista Industrias pesqueras, e así o fixen ata que morreu. Nese período, díxome nunha ocasión que lle gustaba moito a miña forma de escribir, porque tiña unha narrativa sinxela. Sentinme arroupado e foi entón cando decidín lanzarme. Eu son un escritor metódico, escribo pouco pola mañá e moito pola tarde, pero dedícolle unhas cinco horas diarias a esta actividade. Tamén me documento moito. Neste caso, tiven que recadar información sobre o mundo das drogas, o eido das adopcións e mesmo o problema dos malos tratos.

-¿Como foi a súa evolución como escritor ao longo de todos estes anos?

-Recoñezo que ao principio tiña un condicionante político, sobre todo na primeira etapa. Empecei a escribir como unha forma de reivindicación social e política, por dicilo de algún xeito. Logo, despois de varios fracasos, decidín pasarme á novela. Xurdiu Así eramos en Benencia. Houbo tamén un cambio no idioma empregado, pois comecei en galego e despois paseime ao castelán. Foi sinxelamente por motivos comerciais. Desde que acabaron as subvencións, en galego escriben catro profesionais moi bos. Na miña obra sempre trato de dar unha explicación do porqué das cousas, considero que son bastante didáctico.

-¿É difícil publicar ou axuda o feito de ter esa traxectoria?

-A traxectoria facilita o proceso, pero as circunstancias son complicadas. Véndese moi pouco, aínda que eu non me podo queixar. Vendín dous mil exemplares de O anxelote e outros relatos, mentres que de Así eramos en Benencia tamén quedei preto dos 1.500. Agora non me complico moito a vida. De feito, Por mucho que ahora me quieran está editado por Donbross, unha firma que montou unha filla miña e que tamén lanzou a versión en inglés de Veroto el romano.

-¿Escribe por traballo ou por devoción?

-Escribo para que a xente me lea. Afortunadamente, non me custa diñeiro, pero tampouco gaño nada. Case regalo tantos libros coma os que vendo. Teño esa ilusión de que me lean e iso é o que me empuxa a seguir. Esta novela, por exemplo, levoume dous anos.

-E seguro que ten xa outra enriba da mesa...

-Pois estou cun tema que me fascina. Resulta que teño catro ocas na finca e o seu comportamento social é sorprendente. Quero tratar nun libro a relación que existe entre os costumes sociais humanos e os das ocas. É un reto complicado, xa que hai moi pouco material sobre o tema.