«O futuro parque empresarial ten que ter unhas vías de comunicación axeitadas»

La Voz

BARBANZA

20 jun 2017 . Actualizado a las 10:51 h.

O alcalde sonense, Luis Oujo, tivo que afrontar unha difícil situación nos últimos meses do anterior mandato ao quedar en minoría trala saída do executivo de Asunción Torres. As tornas cambiaron cos comicios do 2015, que lle deron unha maioría que permitiu ao goberno sacar adiante algúns proxectos pendentes.

-¿Foi determinante para Porto do Son ter logrado a maioría?

-Estou moi contento de que os veciños nos deran a súa confianza para sacar adiante proxectos moi importantes, como a ludoteca, o tanatorio -que todos prometiamos e que por fin está operativo- e actuacións de saneamento. Isto último é fundamental porque somos un concello turístico, mariscador e o máis importante do cerco, e todo iso pasa por coidar o noso mar eliminando os vertidos.

-¿Cales destacaría coma os principais logros deste mandato?

-A ludoteca, que é un servizo moi necesario para favorecer a conciliación e moi agradecido pola cidadanía. E tamén poñer a piscina a funcionar, unha instalación que levaba moitos anos a voltas. Estamos moi contentos porque estamos preto de conseguir que sexa un servizo sostible, que non dea perdas.

-¿E cales son os retos para os vindeiros anos?

-Quédanos facer o parque empresarial de Porto do Son.

-¿Cre que o polígono será factible neste mandato?

-Non sei se será factible, pero eu vou traballar para que o sexa. Para poñelo en marcha ten que haber demanda, como é lóxico, e se existe nós recollerémola e levarémola á Xunta. E, vinculado con isto, tamén temos que intentar sacar adiante a variante de Portosín, o futuro parque empresarial ten que ter unhas vías de comunicación axeitadas.