A moción de censura

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

20 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos concellos desta bisbarra houbo algunhas mocións de censura, sendo das máis soadas a primeira de 1988 na que Manuel Velo perdeu a alcaldía de Boiro. No ano seguinte, Ventoso Mariño non acadou derrubar a Pérez Queiruga polos pelos, mentres que en Carnota recambiaron a Ramón Noceda por Manuel Brea -os dous do BNG- quen, anos máis tarde (1995-1999), sería a man dereita do popular Pepe Oreiro. Penso que a máis chusca foi a superada polo mazaricán Xoán Ramos, único concelleiro frentista, aló polo 1992. No 2009, o escritor e filósofo Pastor Rodríguez chimpou a Manuel Tomé no Son. Coido que a derradeira foi a de Noia, co NOIA como protagonista. A moción de censura é unha boa ferramenta democrática para neutralizar os excesos, abusos -agora tamén a corrupción- e mesmo a ineptitude ou incapacidade dos gobernantes, aínda que a Constitución prevé que é para «esixir a responsabilidade política do Goberno», se ben naqueles tempos as mocións tiñan unha compoñente moi distinta á da presentada por Pablo Iglesias.

Pode que detrás daquelas censuras houbese tantas inconfesables motivacións, ou incluso máis, que as aducidas polos nosos podemitas de moda, pero eran serias na forma e cada quen podía facer o seu propio xuízo con criterio, porque, se ben Podemos xurdiu do cabreo popular pola esquerda do mesmo xeito que C’s pola dereita, con sobreactuacións como as postas de manifesto por mor desta moción non serven para arranxar nada nin que a xente teña a percepción de que coa nova política España vaia mellorar, senón todo o contrario.