«O alcalde prometía grandes obras e non hai máis que ver o que se está facendo na ría»

La Voz

NOIA

17 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O voceiro da Marea Cidadá de Noia, Manuel Seijas, ten unha visión do que supuxo a chegada do PP á alcaldía bastante particular: «Presentáronse coma o goberno da esperanza, coma Bienvenido, míster Marshall, e logo resultou que non era así, un pouco como a película. Non fixo o que prometera».

-¿Como valora o tempo de goberno de Santiago Freire?

-Equivocouse, pensou que Noia era coma Lousame, tardou un ano en darse conta de que Noia precisa un alcalde con dedicación para xestionalo. Hai dous anos que aprobamos un POS e aínda non se executaron os proxectos, coma o saneamento da Barquiña. O alcalde pensou que viña liberar Noia, prometeu grandes obras e non hai máis que ver o que se está facendo na ría.

-¿Cre que detrás da actuación na ría hai máis anuncio que outra cousa?

-Non vou criticar nada que se faga en positivo na ría, pero estamos falando dunha obra que custa case 300.000 euros, estiveron 15 ou 20 días escavando e xa rematou. Hai que deixar marxe de manobra, pero non hai un proxecto de rexeneración. Haberá que ver como se desenvolve esta cuestión.

-¿Cal é o clima político en Noia neste momento?

-Por parte dos grupos da oposición hai cordialidade e trabállase con certa coordinación. En canto ao goberno, non dá opción a que poidamos presentar propostas ou emendas, está facendo un rodillo cos dez concelleiros. Non acepta absolutamente nada, ningunha proposta en positivo, veta calquera iniciativa da oposición.

-¿Que esperan dos dous anos que quedan de mandato?

-Creo que vai haber dous períodos diferenciados. De aquí ao vindeiro ano intentarán sacar adiante o traballo administrativo para licitar as obras previstas e, se o logran, o seguinte ano, o último, será para executalas. O caso é que se están perdendo subvencións para actuacións por falta de previsión.