«Oxalá algún día se consiga reconstruír todo o poboado mineiro de San Finx»

A. Novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Na aldea agora en ruínas transcorre a primeira novela deste veciño de Lousame

15 jun 2017 . Actualizado a las 08:00 h.

As minas de San Finx son o escenario no que se desenvolve boa parte de La historia de Laura Scott, unha espía que na época da Segunda Guerra Mundial chega a Lousame para recadar información sobre o volframio e o seu uso na industria armamentística nazi. Aínda que a protagonista é un personaxe de ficción, na novela que ven de presentar Maximino Pérez Abuin hai boa parte de realidade que, de seguro, permitiralle aos barbanceses mergullarse no pasado do complexo mineiro máis importante da comarca.

-Esta é a súa primeira novela, ¿como naceu esta afección?

-Levo como 18 anos publicando, pero libros dedicados ao transporte, a economía e a empresa, sobre todo para a formación ocupacional e para a formación non regulada. Sempre me gustou escribir, pero para min; non me atrevía a publicar.

-¿Cambiou entón de terzo con esta novela?

-Sigo facendo os manuais, porque realmente é o que me da diñeiro. Hoxe vivir da ficción é realmente complicado, sobre todo para autores descoñecidos. Son dous mundos diferentes. O primeiro consiste en transcribir contidos buscando que o alumno os poida entender. Na ficción hai que meter ao lector nos personaxes, no ambiente. Hai que crear.

-¿Cal é o punto de partida de La historia de Laura Scott?

-Eu nacín en Lousame e tiña claro que quería escribir sobre iso. Sempre me chamaron a atención as minas de San Finx. De pequeno dicíanme que alí había furados moi fondos, que podías caer, que no se podía ir. Agora, cando empezaron a recuperar a zona, empecei a escribir sobre iso. O primeiro libro foi La viuda del wolframio, protagonizado por unha señora cuxo marido morrera como consecuencia da silicose. Un día decidín visitar a mina, cando levaba unhas 100 páxinas escritas. Era un día con moita néboa e o misterio multiplicouse por cen. Souben que o que estaba escribindo non servía para nada.

-¿E desbotou entón o traballo realizado?

-Si, decateime de que alí tiveran que pasar historias moito máis curiosas e tremendas. Documenteime e atopei por exemplo que o volframio ía para a Alemaña nazi, onde servía para enriquecer as armas, para que foran máis duras e efectivas. Tirei por ese camiño da espionaxe e así xorde Laura Soctt, que é unha espía inglesa que se casou co xerente da mina para vir e impedir por tódolos medios que o volframio chegara a Alemaña. A novela mestura espionaxe, paixón e amor. É unha obra que podemos englobar no apartado romántico.

-Resulta curioso que unha visita a un lugar para vostede coñecido cambiara o contido da novela...

-Pois si. Oxalá algún día se consiga reconstruír o poboado mineiro de San Finx, que era precioso. Ten algunhas vivendas rehabilitadas, pero faltan moitas. A casa que describo eu, do xerente da mina, está sen restaurar, oculta no medio dunhas xestas. Alí tivo que haber moitísimas historias. Cando empecei a escribir funme a 700 páxinas. Cambioume a visión ir alí. Non volverei a escribir nada sen visitar o lugar antes, pois paga a pena. Para facerse unha idea de como era aquel lugar, chega con lembrar que o volframio pasou de valer 12 a 300 pesetas, incluso se comenta que había quen leaba cigarros con billetes. Aquel poboado mineiro tiña piscina e campo de tenis. E estamos falando do 1942, unha loucura. Teño moitísima documentación e seguro que só sei o 10 %.

-Hai material entón para outra novela, polo menos...

-Alí hai material para moitas novelas. Animo á xente a que escriba sobre as minas de San Finx, porque tamén axudaría a que tiveran máis visitas. O encargado da editorial dicía na presentación que o nome de Lousame quedaría na historia da literatura de por vida, xa que os libros quedan aí para sempre. Non quere dicir que a miña novela vaia ser moi importante, pero si vai axudar a promocionar as minas e a que algunha xente que lea a obra visite o lugar.

-¿Chegáronlle xa algunhas sensacións dos lectores?

-Si, moitas. Quedou un libro sinxelo, doado de ler, con 304 páxinas, pero que se rematan con facilidade. A xente dime que lles gusta, pero iso é persoal, verase co tempo. O certo é que non teño grandes pretensións, o único que sei é que para aprender a escribir hai que escribir, e niso estou. Teño un libro de contos e quizais en tres ou catro meses volva a publicar. Empezar foi para min unha liberación, algo que levaba varios anos querendo facer e non me atrevía.