«A tempada foi moi boa e todo se debe a ter un vestiario magnífico»

O dirixente do club noiés asegura que o equipo afronta a volta a Terceira División con «moitísima ilusión»

$tituloImg.$pieImg

12/06/2017 05:00 h

O Noia xogará a próxima tempada en Terceira División e, ademais, volverá a esta categoría pola porta grande. Os noieses certificaron o ascenso e a consecución do título de liga cando aínda restaban catro xornadas por diante para pechar a competición, o que demostrou a súa superioridade. O ano foi espléndido para o club e o seu presidente, José Manuel Caamaño, non pode agochar a súa ledicia polos éxitos acadados polo conxunto.

-Volven a Terceira e sendo campións de liga. ¿Cal é a súa valoración da tempada?

-No comezo da campaña, cando mantiven unha reunión cos xogadores e co corpo técnico, falamos que o obxectivo era a permanencia. Non mirabamos cara o ascenso. Agora, vistos os resultados, está claro que acertamos coa elección do adestrador e coas fichaxes. Ademais, creo que é moi difícil subir de categoría o ano que vés dun descenso. A tempada foi moi boa e todo se debe a ter un vestiario magnífico.

-Ademais, practicando un fútbol vistoso e atractivo.

-Si, a verdade é que daba gusto pasear por Noia e notar como todo o mundo che animaba porque estaba contento co que estaba a facer o equipo. A xente que sabe deste deporte e exfutbolistas recoñecíano. Tamén foi moi bonito ver como centos de persoas acudían a San Lázaro. Se o xogo non fora tan bo, non lle sacariamos tanta distancia ao segundo ata o momento de lograr o ascenso.

-¿Como afronta o salto de categoría? Agora xa contan cun ano de experiencia nela.

-Con moitísima ilusión. Cando baixamos o ano pasado vímolo con certa lóxica. Arriscamos e intentamos xogar ao fútbol, e en Terceira a cousa é diferente. Pecamos de novatos. Nas próximas semanas manteremos reunións cos xogadores e co corpo técnico. Entendo que a maioría quere continuar aquí.

-¿Teñen pensado reforzar o conxunto ou apostar polo mesmo bloque de futbolistas?

-Temos un grupo de rapaces bo. Moitos deles xa teñen experiencia en Terceira. Seguramente haberá que traer dous ou tres reforzos porque hai mozos que marcharán por temas laborais e de estudos. Dispomos dun listado amplo de xogadores para cubrir as baixas. Eu recibo chamadas a diario de representantes que piden un sitio no Noia para os seus futbolistas. Agora temos un grupo espectacular, xa os trato como a unha familia. Eu nunca botei a ninguén, o que marchou foi por ter outras ofertas mellores ou por diferentes circunstancias. Ademais, paréceme xusto que aqueles que acadaron este premio poidan gozar del o ano que vén.

-¿Cal é a situación do club?

-Cando entrou a actual directiva existía unha débeda de 17.000 euros, que aos dous anos estaba liquidada. Nestes momentos, no Noia non se lle debe nada a ninguén.

-¿E como se consegue dar esa estabilidade ao equipo?

-Traballando arreo todos os días e dedicándolle moitas horas. E isto fixémolo todos os membros da xunta directiva. Volvemos a organizar o torneo de fútbol base e é un éxito. Os clubs xa nos dixeron ao rematar o deste ano que os chamemos para a próxima edición. Neste caso hai que agradecer o gran esforzo que fan os pais dos nenos.

-En máis dunha ocasión falou da posibilidade de deixar a presidencia do Noia ¿séguelle roldando ese pensamento?.

-Pois si, aínda lle estou dando moitas voltas. Espero que haxa unha reunión co presidente da Federación Galega de Fútbol e a secretaria xeral para o Deporte e que falemos, porque non pode existir unha lei do deporte que englobe aos equipos de primeira cos de pobo. Non se pode atacar aos clubs pequenos. Teñen que valorar que de Terceira para abaixo os conxuntos son afeccionados, non profesionais. Eu, e non sei se alguén o fará, non vou poñer en risco os meus bens, non estou aquí facendo negocio.

Votación
1 votos
Comentarios