«A periimplantitis é o cabalo de batalla»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Esta enfermidade é o eixo central do congreso que hoxe arranca na Pobra

09 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un taller práctico sobre enxertos e rexeneración ósea abrirá esta tarde na Pobra un seminario sobre os implantes dentais que acada a súa undécima edición. Este congreso é a culminación duns cursos que hai un cuarto de século empezaron a desenvolverse na clínica de Gonzalo López Castro e que, pouco a pouco, foron ganando en calidade ata converterse nun referente a nivel galego.

-¿Pensaba chegar á undécima edición cando puxo en marcha este congreso por vez primeira?

-Inicialmente eramos un conxunto de compañeiros vinculados á universidade os que decidimos crear un grupo de estudo. Eu colaboro con distintas universidades e quixen aproveitar eses contactos. Lembro que na primeira edición do congreso, os relatores eran tres coñecidos meus. Pouco a pouco isto foi a máis. Agora mesmo temos un grupo de estudo que é independente desta cita. Pero a base segue a ser a mesma daquela primeira edición: a interacción cos conferenciantes.

-Pero agora o auditorio do Museo Valle-Inclán xa se empeza a quedar pequeno.

-Pois si. Nesta ocasión temos 130 persoas inscritas, ás que hai que engadir os representantes das casas comerciais e tamén a xente que ven sen inscrición. Unha alternativa sería trasladalo ao cine Elma e xa falei do tema co alcalde, o que pasa é que penso que o museo ten moito que ver co éxito do congreso, tanto pola historia que encerra o edificio como por esa visita guiada que sempre ofrece o director. Quizais a partir do vindeiro ano haxa que empezar a pensar en algún cambio. Xa temos as datas definidas e mesmo un relator contratado.

-¿Cal e o perfil de inscritos nesta edición do congreso?

-O curso vai dirixido a profesionais que teñan coñecementos no eido da cirurxía, da periodoncia e da rehabilitación oral. Non é unha actividade para dentista noveles, senón para persoas que contan cunha traxectoria no eido da odontoloxía e no marco destas especialidades. Esa é a filosofía tamén do centro formativo que montamos.

-¿Xa está en marcha ese centro?

-Nós hai xa 24 anos que vimos realizando cursos, pero na miña consulta. O que fixemos agora é dedicar a planta superior ao eido da formación. De feito o taller clínico desta tarde levarase a cabo alí.

-¿Como vai funcionar no futuro?

-A idea é ter, como mínimo, unha cita mensual. Aínda que a primeira actividade docente será esta tarde, haberá un acto de inauguración oficial a finais deste mes ou comezos de xullo. Despois darase a coñecer o programa, xa que hai varios cursos xa confirmados.

-¿Nesta undécima edición do congreso, cal é a charla estrela?

-Aínda que non me gustaría restarlle importancia ao resto de relatores, é evidente que a conferencia sobre a periimplantitis, a cargo do profesor Tord Bergundh é de destacar, pois é un tema que enche auditorios. Cada ano realízanse no mundo entre 15 e 20 millóns de implantes e un 10 % deles desembocan en esta enfermidade dos tecidos circundantes ao implante. A periimplantitits é hoxe o cabalo de batalla, pois trátase dun problema multifactorial e non existe un protocolo estrito para o seu control.

-¿Cales son entón as liñas a seguir para combater esta enfermidade?

-A mellor arma é un correcto deseño da intervención quirúrxica e da implantación da prótese. A estética é moi imparte, pero hai que controlar os espazos. Tamén é importante respectar os tempos, xa que, por exemplo, a cicatrización dun óso pode tardar de seis a oito meses.

-Cada vez son máis as persoas que recorren a un implante, ¿como ve o futuro?

-O que quero destacar é que nós non queremos ser atornilladores, senón que temos que ser especialistas en preservar a saúde bucal dos pacientes. O implante ten que ser unha consecuencia daqueles dentes que se perderon, pero o mellor tratamento é preservar as pezas. Desgraciadamente, ás veces quítanse dentes en casos nos que non sería necesario.

-¿Onde lle gustaría ver o congreso da Pobra no futuro?

-O que buscabamos nun principio era chegar á década, porque era un reto que viamos mo lonxe. Agora que superamos esta barreira e que vemos que cada ano se enchen as prazas sen case darlle publicidade ao programa, o que queremos é seguir e mellorar. A idea é xerar sinerxía entre o centro de formación e o congreso, para que este sexa unha especie de colofón. A xente demanda que tratemos outras especialidades, máis alá da cirurxía.