Fundación

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

09 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai algúns anos, as monxas da Gardería Monte Carmelo da Pobra do Caramiñal decidiron xuntar aos rapaces e rapazas da primeira promoción de parvuliños polos primeiros 25 anos do centro. A comida, naquelas mesas liliputienses da nosa época, espertoume todo tipo de recordos perdidos no fondo da infancia. Entre eles, os da condesa de Fenosa observando a función de Nadal con dous enormes gardacostas na porta. O estrado estaba un pouco alto e os gardacostas eran os encargados de baixarnos para que dona Carmela Arias nos dera os agasallos. A Fundación Barrié financiaba e financia un espazo educativo familiar e exemplar. Lembro tamén que sor Remedios me deixou consultar o libro de alumnos. Fiquei sorprendido cando vin que os pais de case todos os meus compis de aquela eran mariñeiros, xente humilde e traballadora.

Lembrei isto porque o outro día, en Aragón, un colectivo profesional protestaba contra a doazón de 10 millóns da Fundación Amancio Ortega para dispositivos contra o cancro. As razóns que daban podían ser defendibles (a mellora do orzamento dos servizos públicos) pero a posición é moi egoísta se pensamos nos enfermos que precisan esa tecnoloxía contra o cancro de xeito inmediato.

Tamén me tería gustado que Galicia tivera, a principios dos anos 80, un sistema público de educación como Finlandia, pero non o tiña, e a nosa infancia era moi curta para esperar a revolución pendente. A Fundación Barrié (e dona Carmela) taparon un gran furado. Penso niso nestes momentos delicados para unha das principais entidades de acción cultural e social de Galicia.