Un Sáhara á galega

Xurxo Gago

BARBANZA

28 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Seguro que moitos recordarán un anuncio dunha coñecida marca de cervexa: nun coche de época van dúas parellas conducindo polo medio dun deserto ata que lles estoupa o motor do coche, e atópanse perdidos no medio dun inmenso deserto de area. Incluso ao mellor recordarán planos extremadamente curtos, ou sempre se son máis amplos co ceo azul de fondo… Era a maxia da televisión intentando facer pasar as dunas de Corrubedo por un deserto coma o Sáhara. O parque é impactante paisaxisticamente. ¡Que condicións tan exclusivas se teñen que dar como para formar unha zona dunar tan impresionante! E isto non é xa excepcional en Galicia senón en toda Europa.

Pero non nos enganemos, a duna só é unha xoia brillante de toda a coroa de natureza que ten. Ao seu pé hai lagoas e marismas fundamentais para as aves migratorias nas súas viaxes entre Europa e África, sen esquecer os bosques e sistemas forestais e agrícolas. En menos de mil hectáreas alberga unha biodiversidade importantísima. É a nosa referencia para a conservación na comarca. No 1992, a declaración como parque natural foi unha excelente noticia, nese momento parouse definitivamente a extracción da area para a construción que tanto dano fixo -aínda agora, 25 anos despois, só teñen que fixarse dende a pasarela de madeira que vai á duna, verán fochancas aquí e alá, coma se dun campo bombardeado se tratase-.

As miñas felicidades para o parque, e as miñas desculpas polo título, xa saben, non se fíen da televisión, as dunas de Corrubedo son de todo menos, xustamente, un deserto.

Xurxo Gago é biólogo