Á fronte de A Miserela en tempos difíciles

La Voz

BARBANZA

26 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xesús Román Laíño Briones-Arén nace n?a Pobra do Caramiñal en 1957, estuda na Universidade de Santiago. Exerce como profesor de Lingua e Literatura Galega no ensino medio, actualmente no IES Leliadoura de Ribeira, dende 1995, e antes no IES Coroso, amais doutras localidades.

Interesado no labor de divulgación cultural, foi presidente da Asociación Cultural A Miserela da súa vila natal, en tempos moi complicados por mor da polémica sobre o topónimo da vila pobrense. É membro fundador da Asociación Cultural Barbantia, da que foi presidente entre 2011 e 2016 -en substitución de Antón Riveiro Coello- e coa que segue a colaborar intensamente.

Formou parte da corporación municipal d?A Pobra entre 1995 e 2003, na que exerceu de concelleiro de Cultura durante o segundo mandato do alcalde socialista Ramón Rego, entre outras responsabilidades de goberno.

No seu instituto ensina, ademais, aulas de Literatura Universal, e ten impartido tamén Latín, Lengua Española e Técnicas de Comunicación escrita.

Catálogo da Guerra Civil

Dado o seu grande interese no tema da Guerra Civil Española, edita un catálogo que recolle as múltiples edicións sobre a narrativa da contenda e do franquismo, Un río de sangue e tinta (2006), en colaboración con Pastor Rodríguez Santamaría, con quen preparou, así mesmo, a introdución a Aviones sobre el pueblo, do pobrense Carlos Montenegro, en 2006.

Ten colaborado ocasionalmente na revista Alameda, da Sociedade Liceo de Noia, e segue publicando cada mes no Suplemento Cultural A Voz de Barbantia-La Voz de Galicia, como responsable da sección O andel. En Café Barbantia escribe asiduamente de narrativa e poesía, sobre todo galega, española e francesa, en series de artigos como Galicia e os galegos na literatura castelá, etc.

Colabora regularmente co Anuario de estudos do Barbanza, con traballos sobre as publicacións da e sobre a bisbarra, só ou en colaboración. E son de salientar os varios e documentados limiares que acompañan as traducións de poetas franceses que Eme Cartea está a verter ao galego, no mesmo Anuario.

É tamén coautor dun manual de lingua e literatura galega, da editorial Galaxia, publicado en 2008.