«A xente necesita paz e traballo, pero tamén liberdade, beleza, pracer»

EME CARTEA

BARBANZA

Admite carecer de talento para escribir libros, pero non para a oratoria

26 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Día soleado de maio. Escenario: Museo do Gravado de Artes. Eran as cinco da tarde... Sobre a mesa da sala de xuntas, enormes volumes sobre Cristovo Colón, o Colón galego, claro, tema de próxima exposición.

De entrada, unha advertencia: «Non me “alabes” nin me preguntes sobre a miña conciencia nin a miña fe. Estou aquí para falar de Barbantia. Isto é unha entrevista en ton menor e amable».

-Pero Suso é demasiado Suso como para non indagar na súa personalidade, rica e polivalente. Queremos saber de Barbantia: orixes, causas e metas.

-O desexo duns amigos (escritores, artistas, animadores culturais...) de estreitar relacións de amizade e cultura, de ser motor e faro da cultura barbanzá, ao unísono, máis alá de personalismos e partidismos. Así foi saíndo o Suplemento Cultural A Voz de Barbantia -con Moncho Ares e La Voz-, o Anuario, presentación e publicación de libros, premios Barbantia, BarbantiaRte, Romaría das Letras, o Café Barbantia, etc. Poucos medios, pero moito éxito.

?Pensar en Suso Laíño é facelo nun lector voraz.

-Si, pero non son un bo lector: son moi lector. Un bo lector selecciona e le con profundidade os grandes autores. Son demasiado curioso para iso. Todo me interesa. E o que moito abarca… Con todo, non sempre convén seguir o canon da lectura; debemos ir máis alá dos nosos gustos, prexuízos, teorías literarias e da propia ideoloxía e, sobre todo, nunca perder a curiosidade. Ser selectivos, pero non sectarios. O lector faise, e faise lendo. E, como dicía Barthes, «hai graos de lectura», e en segundo grao tamén é importante e pracenteiro.

?Indago sobre a escasa dedicación á escrita de Suso dada a súa erudición inesgotable: unha memoria prodixiosa nunha mente enciclopédica.

-É que eu non son un escritor. Carezo de grandes talentos para escribir. Si, son un divulgador cultural, pero non un creador de ficción. En poesía, por compromisos, son capaz de fabricar versos que, sempre que non te achegues moito, poden pasar por tal. Acaso polas moitas lecturas. E non me faltan talentos para a oratoria ou a didáctica oral. Pero non creo ter moitas cousas que dicir.

?Outro tema importante en ti foi a acción política.

-Modestamente importante. Fun concelleiro de pobo. A política local é a máis sacrificada por estares en contacto cos cidadáns, e iso queima. Inda que che permite dar voz a moita xente. Porén, penso que o fixen medianamente ben. E conservo un grato recordo dos compañeiros socialistas, do seu apoio, nun período moi esixente e agre, con temas como o do topónimo. Pero non gardo ningún rancor, pois que ninguén me obrigou.

?Como docente en activo, faime unha valoración do ensino.

-Non me teño por un bo mestre. Carezo de paciencia. O ensino xeneralizado (como debe ser) gana en extensión, mais perde en intensidade. Pero o noso modelo inclusivo (Informe Pisa dixit) e non clasista é superior ao doutros países. E logo temos a falta de medios, os currículos extensos... Sería bo unha mellor formación pedagóxica, e non tanto en contidos, nos mestres: aprender a ensinar.

?Fálame do teu proceso formativo.

-Eu só son mestre e licenciado. Mais considérome un autodidacta esixente e algo desordenado; non feito ao chou, senón segundo a propia escolla. Os estudos universitarios son os alicerces: logo, hai que formarse. O que me ensinaron foi pouco, por culpa miña. Tiña outras curiosidades, propias da nosa época. Agora están mellor formados dada a oferta e os medios: ordenador, bibliotecas, internet... A universidade só me permitiu ter un papel para exercer o ensino. Só iso.

-Afirmo: es un gran conversador, un magnífico tertuliano sobrado de recursos dialécticos. Un amante da conversa.

-Penso que agora xa non hai tertulias. Foi indo a menos. Os medios audiovisuais acabaron con elas. Eu nin teño televisión. Por iso trato de charlar cos amigos a diario, sen solemnidades.

-Hai un aspecto teu que sempre me admirou. A túa doada relación coa igrexa. Hai algo en ti de unamuniano, de «sentimento tráxico».

-Os galegos fomos educados nunha certa relixiosidade, con moito de aparente e de rito. Penso que da educación cristiá me quedan as cousas boas. O cristianismo, dicía Bertrand Russel, sería estupendo se non houbese cristiáns. A doutrina sempre está por riba dos seus crentes. Eu son un liberal que cre que o dereito á liberdade relixiosa é tamén un dereito, e non hai que meter a todos os católicos no mesmo saco, nin a todos os musulmáns. O que é inaceptable é o peso da relixión na política. Pero Unamuno ía directamente ao transcendente. A relixión non é para min un problema. E no cristianismo hai que ver o bo e o malo: a Francisco de Asís fronte ao nacionalcatolicismo. Con todo, a igrexa debe aggiornarse en temas como a da muller, o celibato, a mensaxe evanxélica do amor, entre outros”.

-Afeccións?

-Máis alá da lectura, a amizade, a conversa, ver un partido de fútbol. E durmir, non moito. E soñar, non demasiado, porque sería perigoso. E viaxar, sobre todo a través da imaxinación. Ser feliz, pero penso que a felicidade está sobrevalorada. Son kantiano: creo na obriga categórica de facer as cousas ben como un imperativo moral, ou, polo menos, intentalo.

ILUSTRACIÓN ABRALDES