«Aumentamos o número de socios e a carteira de clientes»

La Voz

BARBANZA

21 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente síntese satisfeito co labor que se levou a cabo durante estes anos e pensa que é un momento axeitado para proseguir o camiño iniciado, que confía en que resulte moi beneficioso para a organización e para os membros que forman parte dela.

-¿Como van as cousas na organización de produtores?

-Estamos satisfeitos co traballo destes dous anos. Aumentamos o número de socios e a carteira de clientes. Despois dun período de descenso no número de integrantes, agora hai un ascenso, xente que se vén á organización. Cando chegamos había 733 bateas, e agora somos 754. Facerlle fronte aos impagos tamén foi moi importante, o que forma parte dunha organización está máis protexido. Somos un sector ao que non lle gusta dar o brazo a torcer, pero temos que mirar por mellorar a situación dos socios.

-¿E a conquista do mercado centroeuropeo?

-Xa mandamos mostras do produto, principalmente a Alemaña. O molusco está en óptimas condicións e en agosto e setembro agardamos ter xa pedidos. En breve daremos a coñecer a marca propia coa que buscamos ampliar os mercados.

-¿Como presentaron o produto aos distribuidores xermanos?

-Levamos vianda conxelada e en media cuncha, con media cocción, en bandexas dun quilo cada unha. Vai moi ben preparado. Son bandexas que invitan a comer o molusco. Dar a coñecer o produto é o noso principal reto.

-¿E o consumo a nivel nacional?

-Fallamos na nosa promoción interior. Gustaríanos que houbese máis campañas para fomentar o seu consumo. Tería que ser algo a desenvolver de forma conxunta coa Administración. O mexillón continúa sendo un gran descoñecido. Levamos máis de 70 anos nisto e moita xente non sabe o que é, incluso xente próxima as rías, pensan que toda a acuicultura é igual, cando este é un proceso natural. Non se valoran os aportes de proteínas que ten o molusco e considero que esa tamén é unha materia pendente que temos que abordar para aumentar o consumo interno.