A asturiana que lle canta a Castelao

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

É a voz en «Unha noite de amor con Lela», o disco da Escola de Música de Rianxo

19 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de presentar, hai quince días, Soños na gaiola, un libro-cedé editado coa colaboración da Fundación Manuel María, a Banda da Escola de Música de Rianxo estreará este sábado Unha noite de amor con Lela, un traballo discográfico que pretende, entre outros moitos obxectivos, renderlle homenaxe ao insigne Castelao. Esta obra é o resultado da suma de esforzos de Eduardo Mosconi e Rafael Collazo, presidente e director da agrupación musical rianxeira; dos sesenta alumnos que a compoñen; de Alfredo Susavila, que se encargou dos arranxos; de Fernando Lavandeira, que elaborou os textos que serven de fío condutor dos diferentes temas; e de Belén Xestal, que exerce de narradora. Completa o equipo Silvia Ferre. Ela di que achega a súa voz, que xa non é pouco, pero a súa pegada é moito máis profunda.

Silvia Ferre encargouse da selección dos oitos títulos que integran este disco, unha fusión de estilos, de épocas e mesmo de localizacións xeográficas. Explica que comezou escollendo os temas cos que medrou: Un ramito de violentas, Quizás quizás ou El día que me quieras. Logo, completou a relación con cancións moi características da historia musical galega: Meu amor é mariñeiro, de Fuxan os Ventos; Quen puidera namorala, de Milladoiro; e Por ti, de Roi Casal, unha letra que lle explica á filla como o seu pais vai ao mar por ela, para conseguir cartos. Pero a peza clave deste quebracabezas é Lela, a obra de Castelao. A partir dela e do texto creado por Fernando Lavandeira collendo como punto de partida Os vellos non deben de namorarse vanse sucedendo o resto de cancións, coma se dunha única historia se tratara.

Esta asturiana que chegou a Barbanza empurrada polo movemento das verbenas e das orquestras e que ven de exercer de cantante para Roi Casal en tres discos, asegura que o proxecto da banda rianxeira supón un salto cualitativo na súa carreira: «Semella que as bandas son sinónimo de música antiga, de pasarrúas monótonos, e este disco é como darlles unha nova vida, un repertorio diferente».

Un traballo universal

A idea, ademais de promocionar e vender o cedé, é que o material feito se poña a disposición de outras agrupacións para que o poidan incluír nos seus repertorios. Silvia Ferre concédelle gran importancia a este aspecto: «É un traballo que non ten data de caducidade, pois non son cancións do momento actual, senón temas universais, tanto en castelán como en galego».

Deixándose levar polos soños, a artista asegura que non lle importaría que Unha noite de amor con Lela lle permitira embarcarse nunha xira que a levara aos escenarios de Bos Aires ou Montevideo, aínda que, polo de agora, confórmase con darlle un empurrón á banda rianxeira que, coma o resto de formacións similares, non ten un camiño doado de percorrer: «As bandas están en pleno proceso de modernización, pero faltan arranxistas que queiran colaborar con elas para que teñan repertorios diferentes e actualizados».

Mentres espera, ao igual que o resto de persoas involucradas neste proxecto, o veredicto do público, segue acudindo ás citas co seu trío de jazz e mantén aberta a porta aberta a un novo proxecto con Roi Casal. Con el empezou no ano 2008 e, desde entón, será na xira deste verán na primeira que non o acompañe: «El está agora promocionando Son galego, son cubano e, claro está, elixiu a unha cantante latina». Aínda que recoñece que non foi doado, Silvia Ferre conseguiu vivir da música e, seguir subsistindo da súa gran paixón é o seu reto máis inmediato. Iso e cantar en galego: «Desde que o galego chegou á miña vida xa non fun quen de desprenderme del, gústame falalo e cantalo, non é comparable con outra lingua. Se teño que elixir, quédome co galego e co folk».