«Os hórreos son dos seus donos, pero o patrimonio é de todos»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Carmela Queijeiro

O especialista está dedicado a revalorizar uns elementos de gran valor que a miúdo fican esquecidos

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O arquitecto Carlos Coto é un home inquieto. Responsable da ARI de Rianxo, impulsor do Foro de Rehabilitación e presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, entre outras ocupacións, saca tempo para levar a cabo unha investigación sobre un dos elementos do patrimonio etnográfico por antonomasia. Aínda que o seu centro de operacións está en Rianxo, leva percorridos milleiros de quilómetros ao longo da xeografía galega, e parte do estranxeiro, na busca dos hórreos máis grandes e singulares co obxectivo de documentalos e, sobre todo, contribuír á súa posta en valor. Tendo en conta que en Galicia existen preto de trinta mil, e que o proxecto se estende tamén a Portugal e a Asturias, a empresa semella inabarcable, pero con entusiasmo e cunha rede de colaboradores todo é posible.

-Así como outros elementos do patrimonio son moi valorados, cos hórreos non pasa o mesmo, ¿foi iso o que impulsou a posta en marcha do seu proxecto?

-Efectivamente, isto empezou co obxectivo de poñer en valor un patrimonio que temos esquecido, non só en canto aos grandes exemplares, senón aos 29.900 hórreos que temos esparexidos por Galicia adiante. Estiven valorando que traballo se podería facer e montei un equipo de investigación do que formamos parte nove persoas: catro arquitectos (un deles está en Portugal), dous etnógrafos que están en Asturias, unha restauradora e dous membros da asociación.

-¿Como desenvolven o seu traballo?

-A nosa é unha investigación de campo e a través de cartografías e fotografías nas que documentamos todos os hórreos que superen os vinte metros de longo. Temos recompilada información en outros países, coma Romanía, Suecia, Turquía, Suíza... E non hai ningún cabazo desa lonxitude, só os atopamos en Portugal, desde Coimbra, Galicia e Asturias, ata Llanes.

-Somos unha potencia en canto á existencia de hórreos...

-Somos, e a comarca aglutina seis dos vinte máis grandes do mundo. O hórreo nace da necesidade de buscar un sitio seguro e protexido dos animais para secar o cereal, de aí que se circunscriba a determinadas áreas xeográficas.

-¿Que se pretende con esta investigación?

-En primeiro lugar, poñer en valor este gran patrimonio único. E logo, ter unha lista dos hórreos máis grandes e debuxalos. E se ao final obtemos financiamento, publicarémolo todo nun libro. Pero sobre todo buscamos darlle valor, é raro que a día de hoxe non haxa nada sobre os hórreos cunha información completa.

-¿Debúxanos para documentalos e que quede constancia deles por se desaparecen?

-Debuxámolos para que queden documentados e poder traballar sobre eles, nunca se sabe. Cando comezas unha investigación nunca sabes a onde che vai levar; igual no futuro este traballo serve para desenvolver outras solucións construtivas, nunca se sabe quen o pode aproveitar.

-¿Pero están en perigo?

-Ao ser de pedra é difícil que desaparezan, pero, por exemplo, o hórreo de Carnota ten a cuberta caída e é unha pena. Temos localizados dous que son 100 % de madeira e que posiblemente acabarán por desaparecer. Tamén hai outro en Lalín que era de madeira e foi derribado polo ciclón Hortensia, era o hórreo en ele máis longo do mundo e consérvanse só os pinches e a estrutura de pedra. Incluso falei co alcalde de Lalín a ver se se podía facer algo para recuperalo.

-¿E iso é posible tratándose dunha propiedade privada?

-Non se pode confundir propiedade con patrimonio, os hórreos son dos seus donos, pero o patrimonio é de todos. Ademais estamos falando de bens de interese cultural protexidos pola lei. A Catedral de Santiago é un ben privado, pertence á Igrexa, e así como investimos 18 millóns de euros nela, tamén poderían destinarse 20.000 euros a restaurar un hórreo tan singular.

-Vostedes estudan os hórreos máis grandes, ¿o seu tamaño era o reflexo da posición social do propietario?

-Era indicador do modelo económico e social da época, baseado na agricultura e sometido ao poder feudal ou da Igrexa, como demostran os hórreos de Rianxiño, Isorna e Araño, polo cal había que ceder parte da colleita ao señor feudal.