Vehículos armados contra o meigallo

Patricia Calveiro Iglesias
P. Calveiro CRÓNICA

BARBANZA

15 may 2017 . Actualizado a las 11:39 h.

Cando chega o mes de maio a flor silvestre aparece nas portas das casas ou propiedades e comezan a encherse as rúas con vehículos adornados con ramas de xestas, na parte frontal ou traseira. É unha costume especialmente arraigada na contorna, aínda que tamén está espallada noutras zonas, coma no interior da provincia de Pontevedra. Din que hai que cortar a galla e poñerlla ao coche antes da medianoite do 1 de maio para espantar os meigallos, o mal de ollo e que non entre o maio.

Hai quen se pasa de voltas co tamaño da rama, e non por ser o amuleto maior significa que se vaia estar máis protexido. É máis, algúns nesa ansia por lucir o maio máis grande do lugar, chegan a poñer en risco a outros vehículos. Contareilles a escena que vivín esta mesma fin de semana. Foi o sábado pola noite, saíndo da autovía de Barbanza. Resulta que alguén debeu ver na xesta o remedio para todos os seus males, porque apañou un feixe que ben podería dar para unha boa escoba, desas que aínda se empregan para limpar as cortes. Levábao na parte de atrás, enganchada ao limpaparabrisas traseiro, e chamaba a atención non só polo seu tamaño, tamén por como batía contra el, a maior velocidade canto máis rápido ía o coche en cuestión. Foi cando colleu a saída de Boiro o momento no que un refacho de vento fixo o que todos nos temiamos. O ramallo saíu voando, con tan mala sorte que acabou enganchado nos baixos do coche que ía detrás. O meu, teño que admitir neste punto. Sorte que viña atenta á escena e non colleu a outro de imprevisto, porque a boaventura hiperbólica que se buscou para si este condutor púidolle saír cara a outro.

O maior trastorno que provocou, neste caso, foi o de ter que parar sendo xa noite pechada nunha zona, onde por certo, non hai moita iluminación, a soltar a xesta dos baixos para continuar a marcha. Acordeime nese momento de cando varriamos a casa vella na que xogabamos os nenos na aldea materna ao principio do verán e os traballos que pasaba cada ano para desenganchala vasoira aquela de debaixo dun armario vello que tiña o fondo furado. Logo lería a Ramón Cabanillas, quen me descubriu que a xesta era tamén a flor dos namorados. Os mozos entregábanlla ás rapazas que pretendían e aquelas que acertaban a anoar unha ramiña dándolle voltas só cun dedo tiñan voda en cousa dun ano. Tamén escoitei, non hai moito, que nas Ons, cando levaban unha tempada sen pescar moito, collían unha xesta e de noite mallaban na dorna soltando improperios para sacarlle o meigallo.

Anécdotas aparte, cada quen que bote man do amuleto que mellor lle vaia, pero non a costa de que o veciño acabe arrastrando o seu mal de ollo.