Queremos circos sen animais

José Carlos Vidal Suárez

BARBANZA

04 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os animais nos circos non coñecen vida máis alá das rexas, de forma que cada día é un martirio de soidade e tristeza. Non é xusto que se promovan estes recintos coma lugares de diversión e incluso de educación para nenos. Non se pode aprender a respectar e querer aos animais se lle quitamos todo polo o que eles viven na natureza e os acabamos reducindo a meras comparsas ou bonecos aos que lles arrebatamos toda a súa dignidade converténdoos en meros obxectos de entretemento e diversión. A frustración, o estres, os trastornos psicolóxicos son algo habitual nos animais dos circos. Por exemplo, é moi común que padezan estereotipias (movementos que repiten obsesivamente sen ningún fin aparente), por iso vemos a moitos elefantes balanceándose ou aos grandes felinos andando dun lado a outro da súa gaiola insistentemente.

A evidencia científica recompilada durante todos estes anos e recollida en varios informes, coma o estudo encargado polo Concello de Viena, Pautas para a manutención de animais salvaxes nos circos, demostra algo evidente para calquera: que os circos non poden proporcionar os entornos específicos requiridos para cada especie animal e que a súa natureza itinerante lles imposibilita reproducir, nin sequera minimamente, os complexos hábitats e grupos sociais naturais dos animais. Este informe, de feito, foi peza básica na prohibición de Circos con Animais no primeiro estado que os prohibe, Austria, alá polo 2004. Dende ese ano esta lista no fai máis que crecer: Finlandia, Suíza, Suecia, Bélxica, Bulgaria, Eslovenia, Grecia, Polonia ou Dinamarca, pero tamén Bolivia, Israel, India, Costa Rica ... España non está nesta lista, pero moitas cidades moi sensibilizadas con este tema, comezaron a aplicar normativas locais, e actualmente son centos de cidades as declaradas libres de circos con animais salvaxes. Como consecuencia disto, no 2015 produciuse o salto ás comunidades ao aprobar o Parlamento de Cataluña unha lei que impide a actuación de circos con animais salvaxes en toda a comunidade autónoma. Tan só dous anos despois, Galicia no anteproxecto de nova lei de protección animal, que está pasando pola súa fase parlamentaría, leva un artigo do mesmo tipo que prohibiría a instalación de circos con animais salvaxes en toda a comunidade.

«Hai pasos sinxelos que cada un de nós pode seguir para eliminar a explotación doutros seres. Un destes pasos consistiría en negarnos a visitar os circos que usen animais. Cando os vexo presos nos circos, penso na escravitude. Os animais nos circos representan a dominación e a opresión contra as que loitamos durante tanto tempo. Eles cargan cos mesmos grillóns e cadeas». Estas non son palabras miñas senón de Dick Gregory, un dos principais activistas americanos polos dereitos civís.

Antes de rematar quizais deba aclarar que os animalistas non estamos en absoluto contra os circos, máis ben todo o contrario. Encántannos os circos contemporáneos, coma o Circo do Sol. Queremos circos, si, pero circos sen animais.

 

José Carlos Vidal Suárez é presidente da Asociación en Defensa dos Animais Vox Ánima e responsable da Área de Benestar Animal da Asamblea Veciñal de Nós Pobra.