María Xosé Alfonso: «O maior problema da mancomunidade agora é a falta de recursos económicos»

BARBANZA

MARCOS CREO

Vén de coller o relevo no cargo e son moitas as frontes que ten abertas, entre elas, o conflito na recollida de desperdicios

30 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

María Xosé Alfonso Torres (Esteiro, 1967) vén de coller o relevo na presidencia da mancomunidade de concellos Serra do Barbanza, cargo rotatorio. Son varias as frontes que ten abertas, pero, para ela, o maior reto é «que se consiga unha efectiva recollida do lixo e que sexamos capaces de adquirir os camións que se precisan para renovar a flota».

?O responsable de FFC, a empresa adxudicataria da planta de Servia, considera que non teñen responsabilidade nos problemas que hai na recollida do lixo. ¿A mancomunidade asume algunha?

?A mancomunidade asume a responsabilidade do contrato asinado no seu día no que, efectivamente, se comprometía a renovar parte da flota de camións. É un asunto no que xa se está traballando activamente. Estase en proceso de adxudicación da compra de tres camións novos. Mentres non chegan eses vehículos, estase rematando coa elaboración duns pregos para alugar tres camións.

?Ese contrato do que fala estipulaba que a flota tiña que renovarse aos dez anos, é dicir, no 2013, ¿por que non se fixo?

?Aínda acabo de chegar á presidencia, pero, polo que me comentan, foi imposible por unha cuestión económica. Iso significa unha gran inversión e a mancomunidade non tiña tantos cartos. Agora conta cunha subvención da Deputación que, xunto coa achega necesaria que teñamos que facer os concellos, fai posible que poidamos afrontar esa reposición de vehículos.

?Os novos camións licitáronse hai dous meses, ¿para cando estarán operativos?

?Antes do verán non van a chegar, aínda que agardamos que para entón xa estean operativos camións alugados. Os outros hai que fabricalos, porque no mercado non os hai coas características necesarias para poder facer o servizo na nosa mancomunidade e iso vai tardar uns seis meses.

?Pero os cinco restantes seguirán estando obsoletos...

?É certo que toda a flota está obsoleta, pero unha das discusións que temos actualmente con FCC é cantos vehículos ten que repoñer a mancomunidade e cantos eles. A nós correspóndennos cinco. Tan pronto teñamos arranxados estes tres, hai que empezar a traballar xa na reposición dos outros dous.

?¿Cales cre que son as fortalezas coas que conta a unión de concellos en Serra do Barbanza?

?Creo que é importante por moitas cuestións. Entre elas, porque atinxe a un maior número de persoas, co cal sempre ten máis forza á hora de solicitar axudas, subvencións ou calquera tipo de asunto.

?¿E as debilidades?

?O maior problema da mancomunidade agora é a falta de recursos económicos para afrontar gastos que parecen necesarios.

?¿É rendible economicamente?

?A mancomunidade fornécese das achegas dos concellos e doutras axudas puntuais que poida recibir. Estanse facendo contribucións extraordinarias cando hai gastos non previstos, por avarías ou outras cuestións. Non sei se é máis ou menos rendible que para os concellos que non están na mancomunidade, pero penso que é positivo que haxa este modelo de xestión do lixo.

«Que non se recolla o lixo supón grandes prexuízos, non só estéticos senón tamén para a saúde pública»

María Xosé Alfonso é unha defensora acérrima do modelo de xestión do lixo implantado no complexo de tratamento de residuos de Lousame. O único pero que lle pon ten que ver coa falta de concienciación da xente á hora de separar en orixe os desperdicios, «polo ben da planta e do noso entorno». Asume que fai falta un maior esforzo para que a cidadanía recicle onde e como se debe facer, obxectivo que se marca como prioritario a mancomunidade, ademais de aumentar o diálogo con FCC.

?¿Fallou o diálogo no conflito?

?Non o sei, só sei o que escoitaba nas xuntas da mancomunidade. Eu quero que haxa diálogo, creo que é imprescindible que o haxa para poder seguir adiante e non hai que perder de vista que o prioritario é que se recolla o lixo porque que non se faga supón grandes problemas, non só estéticos senón tamén para a saúde pública. Non hai que escatimar en conversas e en diálogo, o que non quere dicir que a mancomunidade se vaia a pregar a todo o que FCC queira e esixa.

?Sobre o aluguer coa empresa valenciana, ¿decidiuse quen vai asumir o pago das facturas?

?Non se sabe se vai ser coa empresa valenciana, porque o alugueiro vaise a facer por un procedemento aberto, ao que se pode presentar calquera firma. O custe dos camións si o asumirá a mancomunidade.

«Sería bo que os concellos que non son de pleno dereito decidan quedar porque cantos máis mellor» 

A actual presidenta de Serra do Barbanza aposta pola unión dos concellos. «Hai que deixar ao lado a ideoloxía e traballar polo ben común», proclama.

?Dende Servia din que tecnicamente terían capacidade para que entre Rianxo, ¿están abertos a que isto suceda?

?Pode que tecnicamente poida entrar Rianxo, pero iso significa modificar un contrato. Legalmente, pola actual lei de contratos parece ser que non é posible. Na actualidade está totalmente desbotada a posibilidade que entre Rianxo, por desgraza.

?¿E que vai pasar cos concellos que non son de pleno dereito?

?Sempre hai a posibilidade de que marchen, igual que cos de pleno dereito. Para a mancomunidade sería bo que os concellos que non son de pleno dereito decidan quedar porque cantos máis mellor, máis forza teremos. Estamos en proceso de recompilar a información que nos solicitaron para tomar esa decisión.

?¿Estudouse a posibilidade de mancomunar algún outro servizo?

?Non, polo de agora.

?Aínda que non é en firme, ¿en que situación económica poría á mancomunidade a última sentenza que a obriga a pagar 2,5 millóns a FCC de ratificarse?

?Serra do Barbanza quedaría nunha situación malísima de ter que pagar 2,5 millóns, evidentemente, pero agardamos non ter que facelo porque imos apelar.