«Queremos abrir un horto ecolóxico para cultivar a relación entre nenos e maiores»

p. CALVEIRO / A. Novo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A asemblea local da organización fixo balance do 2016 e xa prepara novos proxectos

28 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente de Cruz Vermella en Noia, Emilio José Insua, está satisfeito co traballo feito ata agora. Vén de presentar a memoria de actividades do 2016 e xa prepara novos proxectos, nos que o medio ambiente e o reforzo das relacións interxeracionais teñen un papel protagonista, tal e como adiantou nunha entrevista a Radio Voz Barbanza.

-¿A cantas familias chegou a axuda de Cruz Vermella de Noia o ano pasado?

-De forma directa, é dicir, que reciban directamente achegas económicas ou de materiais, chegamos a 306 persoas no 2016.

-¿Cal é o tipo de axuda que máis se está a demandar?

-Sempre varía en función das necesidades de cada familia, pero a axuda que máis se presta é para o pago de facturas de electricidade, de gas e para alimentos. De roupa menos, porque o temos repartido con Cáritas.

-¿Houbo un aumento da demanda no 2016 respecto aos anos anteriores?

-Mantense máis ou menos estable. Pode haber unha variación de cinco ou dez persoas. É certo que non houbo un descenso, pero non se está notando tampouco un gran aumento.

-¿Que programas específicos ten o colectivo para as persoas da terceira idade?

-Por exemplo, estamos levando a cabo uns talleres de lanoterapia onde hai un grupo de mulleres que comparten experiencias, pasan o tempo e, ademais, practican as técnicas do tecido. Facemos tamén cursos de informática, telefonía móbil e redes sociais para que esa xente maior poida estar ao día e ter contacto cos netos ou a familia a través das novas tecnoloxías. Tamén está moi demandado o trasporte adaptado, porque por desgraza o tema da mobilidade é un problema para moitos maiores. E dende hai cerca dun ano contamos cun programa que se chama de proximidade, que consiste nunha serie de chamadas a un listado que temos de persoas maiores para facerlles un seguimento.

-¿Notan que cada vez hai máis xente maior que quere estar activa e seguir conectada co mundo?

-Si. De feito, os talleres de memoria ou os de informática son moi demandados, á marxe de que algún logo pida ser voluntario.

-¿E para os máis pequenos?

-As actividades se realizan todas desde Cruz Vermella Xuventude e hai dende campamentos de verán ata talleres manuais, celebracións e mesmo se incide na prevención de riscos en colaboración cos colexios para que saiban como poder evitalos. Este tipo de iniciativas pídennolas cada vez máis e estamos chegando incluso a Muros.

-A promoción do éxito escolar, ¿como axuda aos rapaces?

-É un proxecto co que levamos varios anos e consiste en reforzar, dalgún xeito, o labor dos colexios, pero aparte trabállase na resolución de conflitos, educación para a paz e outros valores que van máis aló do reforzo escolar.

-Dende a organización tamén se traballa no medio ambiente...

-Temos tres proxectos. Un deles está dentro do programa Voz Natura, de La Voz de Galicia, que consistiu, na súa primeira parte, na plantación de árbores xunto con nenos ou asociacións como A Creba ou A Misela e, logo, nunha campaña de sensibilización sobre a contaminación no mar. Traballamos tamén en limpezas de praias con colexios e, precisamente de aí ven a última das campañas, na que repartimos cinceiros entre os bañistas.

-¿Teñen previsto poñer en marcha algunha nova iniciativa?

-Queremos abrir este ano un horto ecolóxico para cultivar a relación entre nenos e maiores, que son os que saben traballar a terra. Faríase nunha parcela que temos na Cruz Vermella, dentro tamén dos proxectos de Voz Natura.

-¿Canta xente fai falta para manter todas estas actividades?

-Moitísima. Actualmente temos 75 voluntarios activos, que veñen de forma regular, ademais de outros que o fan de forma máis esporádica. Farían falta máis, porque poderiamos chegar a máis xente e o traballo estaría mellor repartido. Os estudantes son os que máis se interesan en colaborar e convido á xente maior a que se anime tamén porque fai falta.