Os dereitos da chuvia

X. Ricardo Losada

BARBANZA

28 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai cousa que máis me moleste que saír da casa con paraugas. Os humanos nacemos libres e o paraugas fainos escravos. Obrígate a estar todo o día pendente del. En caso contrario, arríscaste a esquecelo en calquera paraugueiro. Máis aínda un tipo tan despistado coma min. Non só o esquezo con frecuencia senón que, pola miña educación franquista, que lles prohibe aos homes usar paraugas de cor, cando o collo non o recoñezo e, para máis fatalidade, sempre collo un paraugas peor. A muller cansou, e agora cómprame o peor modelo do mercado. Santo remedio. Levo tres anos co mesmo paraugas pois, aínda que o esqueza, acáboo recuperando. A xente sempre se equivoca para coller un paraugas mellor.

Cando Gropius dixo que a mente é como un paraugas, funciona mellor aberta, demostrou coñecer ben a mente, pero mal o paraugas. É como dicir que un humano funciona mellor cando traballa que cando está durmido. Falso. Traballando é máis útil para o empresario, pero funciona mellor durmido, pois durmido só se equivoca cando esperta. Do mesmo xeito, o paraugas é máis útil para o humano cando está aberto, pero funciona mellor pechado. Ao paraugueiro teno dominado, pero coa chuvia moitas veces perde. Pensade nas peores molladuras da vosa vida. Seguro que tiñades o paraugas aberto. E roto. Sempre falla cando máis o necesitas.

Agora xa podedes entender en toda a súa profundidade filosófica a miña proposta para liberarnos do paraugas. Se os humanos comezamos reivindicando os dereitos dos homes, despois das mulleres, nenos e minorías de todo tipo, e agora os dos animais, o seguinte paso debe ser reivindicar os dereitos dos obxectos, comezando polo paraugas. Hai un refrán que di: «Cando chove comparto o meu paraugas; se non teño paraugas, comparto a chuvia». Pois ben. É hora de deixar o paraugas no paraugueiro (onde é máis feliz, como acabo de demostrar) e compartir a chuvia. Matariamos dous paxaros dun tiro pois, ademais dos dereitos do paraugas, recoñeceriamos os dereitos da chuvia. Como sabe calquera que collese unha boa molladura, goza máis mollándonos a nós que a un paraugas.