Guasap ao Vaticano

Domingo Regueira

BARBANZA

28 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O camiño das almas vese coma un «i» grego que bifurca, metade para a dereita (o Ceo), metade para a esquerda (o Inferno). A cuestión é que o Ceo estase volvendo un páramo, un deserto deprimente, monótono e aburrido e, como tal, dende aló, mandáronlle un guasap ao Vaticano preguntando a ver que diaños estaba pasando por alí. Ao final, viñan querendo dicirlle que «porque agora todos tiran voluntariamente para a esquerda, alegando que os engaiolastes coa democracia, coas preferentes, coas pensións; subíndolles a luz, os impostos; minguándolles a sanidade, a educación, a auga e a liberdade.

Náufragos, refuxiados e famélicos, chegan mortos de frío botando pestes contra nós, dicindo que levan dou mil anos de fochas. E, para máis, o Papa anda dicindo por aí que non hai inferno e que o de Adán e Eva foi un conto.

Aquí nunca tal pasou. Desfilan diante nosa xesticulando mil extremonías, cuspindo insultos e cortes de manga.

Agora aquí non entran máis de catro beatas chochas que aínda pensan que despacho a embarcación. Unha tróuxome de exvoto un liñó das fanecas; e outra toliña díxome que quería traerme a dorna do finado, pero que entre escoras, remos e vela era moito trasfego. Por outro lado, o Inferno rebenta de xúbilo. Están coma no aeroporto, a esperar uns polos outros.

Dicirvos tamén que coa proliferación de activistas, mercenarios, cascos brancos e azuis, isto mete respecto. Xogan ao fútbol en campos de 40 millóns de almas e non se cagan en Lucifer por medo a que os boten para aquí.

O outro día fixéronnos un escrache. Coláronse por un furado da rede que xa vai vella e, con tixolas e tarteiras, botáronnos a foliada: «Vaite lavar porcona...». Pregunteilles aos revisores -que veñen sendo curas, bispos, arcebispos, políticos e algún que outro presentador- que que viña a ser aquilo; pero engruñáronse de ombros.

Mandeille unha queixa ao Demo, moi respectuosa e cortés, que rematei con s. s. s. q. ll. b. a. m.; e el contestoume dicindo que algo lles fariamos, rematándoa coa seguinte abreviatura: s. s. s. q. ll. b. o. c.

Tamén contan por aquí que non vos recatades nos boatos: traxes de cola, xoias, cocidos ben regados -cando o xefe, co saio roído, daba exemplo de humildade e austeridade naquelas metafísicas ceas de coresma, sen febra, sen prebe e co viño racionado.

Xa vedes como nos vai. De seguir así, teremos que pechar. E logo, a ver que lle ides contar aos pobres para que vos enchan os cepillos. Chao, chao!».