Quico Cadaval: «Vai haber un redescubrimento de Valle-Inclán ao representalo en galego»

m. x. blanco / A. Novo RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

blanco

Destaca que «A cabeza do dragón» é un espectáculo para tódolos públicos

27 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Valle-Inclán falará mañá galego na Illa de Arousa, onde desembarcarán Quico Cadaval e a súa compañía, Producións Teatrais Excéntricas, coa obra A cabeza do dragón. Trátase dunha adaptación á lingua nai dunha farsa asinada polo creador do esperpento. En breve, os veciños de Noia, Rianxo e A Pobra tamén terán á súa disposición esta montaxe. O director e actor ribeirense púxose diante dos micrófonos de Radio Voz Barbanza para dar conta do éxito que está a ter a xira.

-Primeira parada na ría de Arousa, no berce de Valle-Inclán, ¿impón máis este feito?

-Chega por fin á Illa, ao medio da ría, unha localización estratéxica na historia de Valle-Inclán, porque el converteu a ría de Arousa nun territorio de ficción, nun lugar onde poden pasar as historias máis extraordinarias. Ao elenco de A cabeza do dragón ilusiónanos bastante estar no medio e medio da ría.

-Esta é unha das pezas menos coñecidas do autor, ¿foi elixida por iso?

-Ás veces, iso significa tamén que non queda máis remedio. É unha obra que moita xente considera menos interesante, porque non corresponde aos textos de ambiente galego. É unha historia que afonda nos contos medievais que están na cabeza de todos nós. As historias de dragóns, bandidos, suplantadores, reis… Cando a xente ve a Guerra das galaxias ou Xogo de tronos, está vendo historias de dragóns e por iso nos interesou. Tamén porque Valle era moi exotista, gustábanlle os países de nunca máis e nós metémoslle ao espectáculo estética entre chinesa e xaponesa e penso que atinamos, que a el lle gustarían moito estes elementos da cultura oriental.

-A obra foi catalogada no seu momento como unha peza infantil, pero esta non é a proposta de Excéntricas...

-Non, o sobrenome de infantil que lle pon Valle creo que é unha ironía. A obra considérase infantil por moita xente, porque é de dragóns e princesas, pero hoxe, igual estamos infantilizados, as historias que triunfan son historias dese tipo. O mesmo escritor destrúe a obra infantil metendo elementos de crítica social e política, un ataque directo á monarquía reinante… Hai algo que a min me gusta moito, que unha obra sirva para persoas diferentes, e este é o caso.

-Hai quen opina que parte do éxito está no elenco de actores, ¿compárteo?

-Ah claro, temos un reparto marabilloso. Hai xente que levaba tempo sen facer teatro e regresa, como é o caso de Patricia Vázquez, que estivo os últimos dez anos na televisión. Que aceptase á primeira foi unha alegría para nós. Logo está Víctor Mosqueira, probablemente o mellor comediante deste país e dos limítrofes, incluíndo Estados Unidos. Iván Marcos fai un protagonista extraordinario, domina todo o teatro físico.

-¿Esperaba unha acollida tan boa da obra?

-Tíñalle medo a que a xente dixera que era unha frivolidade, pero o público está a ver unha peza divertida. Hai xente que valora a escena dos dous reis borrachos, porque considera que ten actualidade, e hai outra que lle concede interese ao feito de ver unha escena de amor. Arriscámonos no ton melodramático. En Santiago, onde estivemos seis días, vivimos unha experiencia moi interesante, pois había xente que volvía cos fillos. Fixemos un espectáculo no que hai sitio para todos.

-¿Como se presenta maio?

-Temos un mes moi bo. Imos estar no triángulo Noia, Rianxo e A Pobra. Espero que poidamos facer algún paseo valleinclaniano vinculado ás actuacións. Logo temos A Estrada, Bertamiráns, Cariño, Lalín… Tamén Matosinhos, un teatro ao que estamos facéndonos asiduos.

-E semella que o calendario aínda non está completo...

-Esperamos moitas máis datas, o que pasa é que ata que non se confirmen non está ben dicilas. Estamos pensando en fóra, e cando digo fóra refírome a máis alá de Galicia e Portugal, pois iso é a casa. Hai festivais importantes que se están interesando en A cabeza do dragón. Curiosamente, o feito de que sexa en galego non é un inconveniente.

-Vista a boa acollida, ¿levará Producións Excéntricas ás táboas algún texto máis de Valle-Inclán?

-Sabemos cal vai ser o noso próximo espectáculo e non é del. Normalmente, en Excéntricas facemos un espectáculo grande, que é o caso deste, e logo unha montaxe cos cómicos da casa, Mofa e Befa. Logo virá outro de envergadura. Interésame este escritor, pero necesitamos moito compromiso público e moito apoio, que non sempre aparecen, e penso que vai haber un redescubrimento de Valle-Inclán ao representalo en galego, porque levamos moitos anos querendo facer isto. O Centro Dramático Galego xa estreou Martes de carnaval e hai unha compañía de marionetas, Cachirulo, que está facendo unha versión das Farsas. Este ano, non esta mal.